Esta Semana Santa en Lourenzá haberá o Vilou Spring Fest e a concentración VespaFaba & Clásicos

AMariñaXa
Esta Semana Santa en Lourenzá haberá o Vilou Spring Fest e a concentración de vehículos clásicos VespaFaba & Clásicos
eventos semana santa lourenza
eventos semana santa lourenza
1 abr 2023

Esta Semana Santa en Lourenzá haberá o Vilou Spring Fest, no que actuarán a orquestra Panorama e Grupo Beatriz; a oitava concentración de vehículos clásicos VespaFaba & Clásicos e o XV torneo de baloncesto feminino Lourenzá en Xogo, que se recupera despois de non celebrarse durante a pandemia. Os tres eventos empezarán o día 6 de abril, Xoves Santo, e foron presentados conxuntamente nun acto que contou coa participación da alcaldesa, Rocío López, e representantes das organizacións das tres actividades.

A alcaldesa, Rocío López, anima “a toda a xente a que se achegue esta Semana Santa a Lourenzá porque temos unha programación moi completa, que aglutina desde o torneo de basket, no que participarán equipos de baloncesto feminino de toda España; haberá tamén concentración de vehículos clásicos; e moita festa, da man do Vilou Spring Fest, con dúas orquestras moi recoñecidas e que están moi de moda: o Grupo Beatriz e a Panorama. Polo tanto hai motivos de sobra para vir a Lourenzá”.

En representación do Vilou Spring Fest, Manolo Goas anunciou que o xoves ao mediodía haberá sesión vermú e pola noite a partir das 22:30 horas abriranse as portas para a actuación de Panorama. E o venres tamén haberá sesión vermú ao mediodía e á noite a partir das 22:30 horas teremos ao Grupo Beatriz co seu novo escenario para a xira 2023. Tamén comentou que o recinto estará cuberto con carpa, pero esperan que haxa bo tempo e non sexa necesaria.

O vicepresidente das Escolas Deportivas de Lourenzá, Miguel Gavín, explicou que se recupera o torneo de baloncesto feminino Lourenzá en Xogo, que non se disputou os anos anteriores debido á pandemia de Covid. Será xoves, venres e sábado coa participación de 20 equipos procedentes de diferentes lugares de España, como Valladolid, País Vasco, Pontevedra, A Coruña, Lugo, … E Gavín destacou que “Lourenzá transfórmase eses tres días porque atrae a moita xente”.

E por parte da asociación VespaFaba & Clásicos Lourenzá o seu vicepresidente, Antonio Irimia, anunciou que se celebra a oitava edición da súa concentración de vehículos clásicos e explicou: “xuntaranse motos, principalmente Vespas, e coches de distintos puntos de Galicia, de Asturias e tamén da provincia de León”.