Esta fin de semana Viveiro acolle o Campionato de España de Ciclismo Paraolímpico
O Concello de Viveiro acolleu a presentación do Campeonato de España de Ciclismo Paralímpico, unha cita que entre o sábado e o domingo estará chea de emoción e porá en xogo os títulos nacionais de contrarreloxo e en liña.
A alcaldesa María Loureiro exerceu de anfitrioa nun acto que contou tamén coa presenza do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro; Hilario Rodríguez Parapaz, vicepresidente do Club Ciclista Viveiro; César Lage Pérez, delegado en Lugo da Federación Galega de Ciclismo; e Milagros López Pernet, asesora do club no percorrido da carreira, participante e campioa de España de ruta en crono.
“Estamos felices de poder acoller unha proba do nivel deste Campionato de España. Sempre traballamos en prol dun concello inclusivo, estamos satisfeitos do noso labor neste eido e que a Federación Nacional de Ciclismo recoñeza o noso esforzo e nos elixa como sede deste campionato é un motivo de orgullo”, subliña a rexedora de Viveiro.
“Felicito ao Club Ciclista Viveiro, porque estou segura de que a organización será un éxito, e animo a todos os veciños e veciñas a saír á rúa para arroupar aos participantes”, engadiu María Loureiro.
O campionato disputarase en dobre xornada. O sábado a competición comezará ás 16.00 horas coa proba contra o crono, na que os participantes das distintas clases irán saíndo separados por un minuto entre sí. O domingo, os participantes das clases de handbike e triciclo recibirán a saída da proba en liña ás 9:00 horas; mentres que as bicicletas e tándems comezarán a disputar a liña ás 11.30 horas.
A praia de Area será o escenario tanto da saída como da chegada dos corredores das diferentes probas que transcorren polo concello de Viveiro e o de Xove.
O Campeonato de España de Ciclismo Paralímpico contará coa presenza das grandes estrelas da modalidade en España que probarán en Viveiro o seu estado de forma de cara a seguinte cita do próximo fin de semana: a terceira e última proba da Copa do Mundo.
CORTES DE TRÁFICO
O domingo 21 de maio ata as 14.00 horas a rúa Doutor Baamonde estará pechada con motivo do Campionato. Ademáis da citada rúa, os ciclistas van realizar 5 voltas ao Concello, razón pola cal as estradas polas que pase a carreira van estar pechadas ao tráfico en horario de 9:00 a 14.00 horas.
O percorrido de cada unha das voltas é o seguinte: Entran por Faro, Esteiro, Ceranzos, Maciñeira, Vilachá, Portocelo, Villalpol, Sumoas e pasan Xove pola Rúa Doutor Baamonde Illade, xiran á dereita pola Avda. Diputación, Polígono de Camba, Alto do Cruceiro e baixan por Reboredo.
O mapa seguinte mostra o percorrido do circuito.
No caso de que xurdira algunha emerxencia por parte dalgún veciño, pregamos que a comuniquen aos servizos de seguridade vial da organización da carreira, chamando ao teléfono: 678 046 372.
Dende o Concello pedimos disculpas polas molestias ocasionadas, e aproveitamos para convidar a todos os nosos veciños a disfrutar das moitas actividades programadas.