Esta fin de semana Ribadeo acollerá varios eventos de ximnasia rítmica
Esta fin de semana Ribadeo acollerá varios eventos relacionados coa ximnasia rítmica e que reunirán a 1.000 ximnastas na vila.
Nelly Bouso, da Escola de Ximnasia Rítmica Porta Norte, explicou que “esta fin de semana vamos acoller en Ribadeo dous eventos diferentes: o primeiro, que vai ser o sábado, é a primeira fase do campionato provincial escolar clasificatorio para o campionato galego, e máis o de promoción e prebase. É un campionato oficial organizado pola Federación Galega de Ximnasia, no que nós colaboramos. E o domingo, igual que en anos anteriores, volvemos acoller a fase norte da Liga Interescolas”.
Bouso subliñou que “en total, en toda a fin de semana, van pasar polo pavillón de Ribadeo case 1.000 ximnastas. O sábado serán de todos os clubs da provincia de Lugo e o domingo participarán ximnastas tanto de Lugo como de Coruña porque é a fase norte, na que están estas dúas provincias”.
O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, tivo palabras de agradecemento para a Escola Porta Norte: “darlle as grazas de novo a Nelly e ao seu grupo de monitoras, que é moi grande e teñen unha implicación enorme, porque outro ano máis fan aquí este evento tan importante para o concello de Ribadeo e para a contornada. Desde a Área de Deportes axudamos, como sempre, aportando todo o que podemos, non só para este evento senón tamén durante o resto do ano porque este club de ximnasia rítmica tan importante cremos que debe seguir funcionando”.