Esta fin de semana Mondoñedo acollerá o maratón de emprendemento Revolta Rural
Este evento, que busca dar solución aos retos da Galicia rural, está promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda, Seitura 22 e Montes e Vales Orientais, e organizado pola empresa Rural Talent, xunto co impulso de CaixaBank, dentro do seu proxecto Tierra de Oportunidades.
A Revolta Rural terá lugar o día 23 e 24 de abril en Mondoñedo, un evento de emprendemento ao que se inscribiron 30 ideas de negocio, dos que a metade darán solucións a retos en innovación en experiencias e comercialización para o sector turismo; oito proxectos traballarán para a creación de novos negocios en produción, transformación e comercialización agroalimentaria, e os sete restantes son ideas innovadoras para os sectores forestal, enerxía e servizos á poboación.
A xornada comezará o sábado 23 ás 11.00 horas no que terá lugar a presentación oficial do evento. Na xornada do sábado todos os participantes traballarán en desenvolver un plan de empresa, apoiados por seis mentores galegos referentes en innovación, turismo e sustentabilidade, comunicación, e asesoramento legal e en financiamento.
Os mentores son Antonio García Lorenzo, profesor da UDC e da Business Factory Food. Clúster Alimentario de Galicia ( CLUSAGA); Julio Sánchez Montoya, xerente de administracións públicas da empresa Valora Consultores; Hugo Fraga Pigueiras, director en Hyliacom; Roberto Alonso, Interim manager Director Financeiro; Itziar V, emprendedora con Twin Shoes e presentadora de Amor na Rede; e Pablo Taboada Villamil, avogado e director de Delvy en Pontevedra.
Tamén haberá unha comida na que participan todos os asistentes, seguida de sesións de networking para coñecer así as experiencias empresariais de cada un dos participantes.
Á Revolta Rural uniranse tamén empresas referentes dos tres territorios, para contar os seus casos de éxito baixo o formato Café con…, onde os participantes poderán coñecer os modelos de negocio de O sabor dos Ancares da Cooperativa A Carqueixa de Cervantes, Laminados Villapol de Trabada, e a Granja Labrada Bed & Horses de Mañón.
Na xornada da mañá do domingo será o momento da presentación dos modelos de negocio antes os 6 membros do xurado, composto por responsables de CaixaBank, Rural Talent, Delvy, e a Universidade da Coruña. E mentres o xurado delibera, desde o GDR Terras de Miranda organizaron unha visita guiada por Mondoñedo para mostrar o patrimonio histórico e cultural da Vila.
Á volta da visita celebrarase a entrega de premios onde cada GDR entregará catro premios, un de 2.500 euros, outro de 1.500 e dous de 500 euros, ademais da participación na Incubadora Revolta Rural durante 6 meses cunha bolsa de mentorización na que estarán acompañados por persoal especializado de CaixaBank e Rural Talent, e o apoio en financiamento para a posta en marcha dos seus proxectos.