Escola infantil de Alfoz: “Para nós a natureza é unha aula máis no centro”

AMariñaXa
Apostan, a través dun único grupo, pola metodoloxía activa e un ambiente familiar. “Creamos propostas de xogo grupais, que espertan a curiosidade e o interese por descubrir por si mesmos", conta Lorena García, a directora
escola_infantil_de_alfoz_
21 Xul 2024

Lucía Blanco

A Escola Infantil A Galiña Azul de Alfoz, na parroquia de Carballido, abriu as súas portas no 2013. O contacto coa natureza, a metodoloxía activa a base de xogos e unha atención personalizada nun ambiente familiar son os sinais de identidade deste centro que conta cun único grupo de alumnos de 0 a 3 anos. “É unha aula de idades mixtas, nun ambiente máis natural e realista, xa que no noso día a día tamén estamos rodeados de persoas de diferentes idades”, conta Lorena García Cao, a directora.

Unha educadora, unha persoa de servizos xerais e unha mestra compoñen o cadro de persoal. “Remamos na mesma dirección, traballando en equipo e compartindo as mesmas ganas e os mesmos coñecementos”.  E todas apostan porque o alumnado sexa protagonista do seu propio aprendizaxe “a través da acción directa sobre os obxectos, que é a que permite a experiencia e o descubrimento do coñecemento”. O ambiente, aseguran, é preparado, relaxado e cos recursos necesarios, “respectando os seus ritmos evolutivos e sen présas. Por exemplo, tamén promovemos que se movan sen calzado pola escola, favorecendo o movemento libre”.

O número reducido de cativos permite ofrecer unha atención máis individualizada. “Os xogos en grupos pequenos facilitan a participación, fomentan o desenvolvemento das habilidades sociais e melloran a aprendizaxe. Vanse sentir máis cómodos e seguros, aumentando así a confianza e a autoestima”. Ademais, este tipo de aprendizaxe con nenos de distintas idades nunha mesma clase potencia a autonomía. “É unha opción chea de vantaxes, tanto para os nenos e as nenas como para nós. Os maiores colaboran, empatizan e axudan mentres gañan seguridade e autoestima. Todo e todas aprenden de todos e enriquécense coas súas aportacións”, asegura García.

Escenario privilexiado

Outra das potencialidades é que se encontran nun lugar privilexiado que tamén aproveitan para a súa práctica educativa. “Temos o escenario perfecto. Para nós a natureza é unha aula máis na escola. A choiva e o frío non nos impiden desfrutar dunha xornada no exterior porque os nenos e as nenas teñen botas e roupa impermeable, polo que gozar dun fermoso día de choiva aquí é viable”. Dende a escola, que conta co seu propio horto, intentan que pasen o maior tempo posible ao aire libre porque defende que a “natureza axúdalles a coñecer o mundo”.

Iniciativas para educar no respecto e facilitar o desenvolvemento dos máis pequenos tampouco faltan neste centro en Alfoz. “Creamos propostas de xogo grupais, que espertan a curiosidade dos nenos e das nenas e o interese por descubrir por si mesmos, educando en igualdade”, explica Lorena. As propostas sensoriais, o xogo libre con pezas soltas, actividades de transvases con sólidos e líquidos, sesións de arte, talleres de cociña, xogo heurístico, provocacións con elementos naturais e actividades da vida práctica completan o seu programa.

“Tamén lles proporcionamos materiais non estruturados como paus, pedras, area, caixas, piñas ou conchas que usan de maneira libre, sen instrucións. E traballamos a xestión das emocións por medio de sesións de relaxación, a lectura de contos ou a música”. Todas estas actividades son froito dun traballo en conxunto. “Preparamos as clases pensando, facendo, colocando e ofrecendo materiais e propostas novas para o bo funcionamento do grupo, nuns espazos cómodos, agradables e seguros”.

Tampouco se esquecen das familias coas que manteñen unha comunicación regular para recoller tamén as súas percepcións, preocupacións e necesidades. “Participan en determinados  momentos ao longo do curso como no período de familiarización dos nenos á escola, en reunións, entrevistas, titorías, saídas, festas e  aportando o material necesario. Porque as familias axúdannos a facer mellor a nosa escola”, conclúe a directora.

 

0.15926694869995