A Sociedade Cultural Ledicia, 50 anos compartindo momentos

AMariñaXa
Repasamos con Rocío Rivera, presidenta da asociación de Burela, o seu pasado e presente
ledicia-asociacion-burela
16 Nov 2024

Por Amanda Fernández

A Sociedade Cultural Ledicia está de 50 aniversario e comeza unha serie de iniciativas para celebralo. O día 22 de novembro ás 22.00 horas realizará unha cea no Nordés Burela con prazas limitadas. Estará a compra de tíckets dispoñible o martes 19 de novembro no hotel Nordés e haberá menú de 30 euros con sobremesa, viño, café e licores incluído e un menú infantil. “Acabamos de publicar o da cea, pero non será esta a única celebración, senón o punto inicial. Será aberta a todo o mundo, non é necesario ser socio, senón que pode vir toda persoa que queira pasar unha noite agradable”, afirma Rocío Rivera, presidenta da asociación.

Destaca que como outro evento polos 50 anos teñen marcado no calendario o día 1 de decembro para lembrar “á xente que falta e non vai volver estar con nós”. Así, haberá unha misa ás 19.00 horas da tarde que ofrecerán por todas esas persoas. A partir de aí irán informando de novas actividades e teñen en mente comezar a preparar unha exposición “de fotografías e lembranzas destes anos”.

O XERME DE LEDICIA

Rocío Rivera entrou na Sociedade Cultural Ledicia cando esta xa levaba 20 anos de funcionamento. Se nos remontamos aos inicios, confesa, nin ela nin tan sequera os seus pais formaban parte desta asociación. Porén, aínda hai hoxe en día moita xente que pode contar como foi e varios datos arredor dos inicios.

Conta que había un grupo de xente aló polo 1974 con certas inquedanzas musicais en Burela. “A data do 22 de novembro 1974 é a que nós tomamos como referencia da fundación, aínda que despois a acta oficial foi un pouco posterior”, sinala. Así, ademais do feito de ter inquedanzas no eido musical, un ano antes producirase o naufraxio “do Raíña Victoria e do López Sueiras, que provocou impacto dentro da sociedade burelesa”. Naquel entón, tamén un grupo de xente se xuntou para facer unha homenaxe a ese naufraxio.

Relata Rocío neste sentido: “No 1974, houbo un acto en Burela, no que daquela era o Cinemón, o espazo onde se facían as cousas de índole cultural. A raíz de aí xurdiu o tema de fundar ou non a asociación, non podo confirmar unha relación dun feito co outro, pero si que hai xente vencellada a ambas cousas, á inquedanza musical e a esa homenaxe polo naufraxio”.

AS CLAVES PARA MANTERSE EN PE

A asociación cando empezou no 1974, conta a presidenta, tiña por un lado, un grupo de xente que facía canto coral e, por outro, un grupo que facía teatro. O inicio da asociación produciuse así e foi constituída para facer todo tipo de actividades culturais. Xa coa asociación en pé, comezouse a organizar a Cabalgata de reis, un dos primeiros actos. Posteriormente, formouse o grupo de baile e música tradicional. “É o que perdura ata hoxe en día e se cadra polo máis se nos coñece”, afirma. Naqueles primeiros anos, o grupo de teatro tivo unha puxanza importante, pero o grupo coral perdeuse porque se creou unha coral con entidade propia.

“Tentamos levar unha liña de actividades durante este tempo con momentos mellores e peores, erros e acertos. Nos inicios non había en Burela outras asociacións culturais, só a Sociedade Deportiva Burela. Isto era de fútbol e do resto non había e fomos a primeira asociación como tal que se asentou na vila”, sinala.

QUE É LEDICIA HOXE EN DÍA?

“Desde fai anos temos liñas de traballo nas que nos concentramos e iso tamén é o que nos axuda a tirar para adiante”, afirma. Así, durante todo o curso escolar funciona a Escola de baile e música tradicional, e incluso no verán sempre hai un ensaio de recordo para non perder fío. Está é unha actividade que se mantén “practicamente desde o principio”.

Despois contan coa Feira do Bonito como referencia desde o ano 1983, que tamén é un punto de traballo de cada ano e “un fío no que seguir e do que tirar”. Tentan estar activos na vida cultural do día a día da vila, aínda que hoxe son moitas as asociacións culturais, coas que existe un fío de interacción.

“Despois de tanto tempo, temos material de traballo, que prestamos a outras asociacións, como o asador en magostos nos coles ou a grela. Desta maneira, sexa con material ou con persoas, tentamos colaborar e estar sempre vinculados cando hai actividades na vila”, explica.  Polo momento seguen, segundo expón, tamén organizando a Cabalgata de reis, data sinalada do Nadal. Igual que nas Festas Patronais, participan co grupo de música e de baile e botan unha man no tema das procesións.

“En Ledicia na etapa do seu nacemento chegaron a ser máis de 400 familias asociadas, nun momento no que non había outras asociacións e se querías facer algo para a vila caías aí”, indica e engade que a día de hoxe non son tantos porque hai “un abano maior de posibilidades e cambian as xeracións e inquedanzas”. Considera que isto non é un problema e que se traballa en sintonía.

“Hai unha base que nos serve como referencia, a xente que comezou sementou ben e mantense a pegada e, cada certo tempo, pode haber unha mala racha, pero que vaise tirando do que hai e con esa base vólvese saír adiante”, relata a presidenta de Ledicia. Recoñece entre risas que, aínda que ela non verá 50 anos máis, agarda que a xente traballe con ganas mentres “haxa un motivo polo que estar xuntos”. Actualmente alégrase de que hai xente nova implicada e tamén xente maior que xa viu como deu esta asociación os primeiros pasos. “Existe un baleiro de idades intermedias, pero isto tamén axuda á estabilidade”, conclúe.

0.1657600402832