Arancha Incera, concelleira de Turismo de Alfoz: "Os concellos de interior temos moito por descubrir"
Arancha Incera, concelleira de Turismo e tenente de alcalde en Alfoz, destaca a cantidade e calidade de recursos turísticos que ten o concello malia ter case 80 km cadrados.
Por Ana Somoza López.
Que ofrece Alfoz fronte aos veciños concellos da costa?
Estamos ubicados nunha situación estratéxica xa que en 15 minutos pódeste poñer na costa de Burela e de Foz, é dicir, podemos ter outro tipo de turismo que non é só o de praia. Os concellos de interior temos moito por descubrir.
Cales son os principais atractivos para o turismo?
O símbolo do Concello sen dúbida é o Castelo e a súa contorna privilexiada, por iso no mes de xullo o que facemos é convertelo en protagonista indiscutible. Despois temos a fervenza do Escouridal que cada vez ten máis visitantes, e estamos mellorando a súa contorna con carteis e consellos de seguridade, contamos co río Ouro e tamén ca Pena Abaladoira, que xa é serra do Xistral que é reserva da biosfera. Nos o que temos é unha zona de moitos contrastes.
Que tipo de turismo acollen?
Cada vez funciona mellor o turismo rural, estanse poñendo moitas casas como vivendas turísticas, e todo o mundo que ven repite. Somos unha zona moi tranquila e moi preto da costa pero en plena natureza o que implica que temos un turismo slow, é dicir, os turistas visitan a fondo os recursos e os eventos da zona, interésanse pola gastronomía e prestan atención á natureza. Notamos moito turista dos nosos veciños da Mariña, creo que estamos todos descubrindo a cantidade de recursos que temos ao noso arredor.
Púxeronse en marcha as audioguias ficcionadas, foron ben acollidas polos turistas?
Si, son unha aposta por mellorar a experiencia do viaxeiro e propoñen un percorrido polo interior e exterior do Castelo. Pódese baixar da propia web no móbil ou coller uns auriculares in situ. Durante o mes de xullo serán gratuítas e despois custarán 2 euros e ademais terán determinadas bonificacións para menores de 12, para centros educativos, etc.
Traballades coa Mancomunidade en moitos aspectos, non?
Si, o traballar unidos con toda a A Mariña é bo para todos, xa que o xeodestino é un gran beneficio para todos, porque vamos tendo xente en busca de sol e praia pero que tamén se interesa cara o interior gracias as oficinas de turismo dos diferentes concellos. Ao traballar coa Mancomunidade temos cantidade de proxectos en mente que nos gustaría facer, e que moitas veces depende de ter un apoio económico das administracións. Temos con eles un proxecto moi importante, que é lograr ter un centro interpretativo do Mariscal no castelo, e volver a potenciar a ruta Pardo de Cela nas que ademais estamos varios concellos.
Hai algunha medida fronte ao virus?
As restriccións de aforos estámolas aplicando en todos os sitios e en todas as actividades desde o principio. Moitos actos son no Castelo e aínda que as salas son grandes hai que marcar ven as distancias e preferimos pecar de produdentes, ademais de que xa estamos todos acostumados a este tipo de normas e o xel hidroalcolico xa forma parte das nosas vidas. No tema dos auriculares das audioguías cando se recollen están perfectamente preparados, desinfectados e nunha bolsiña individual.
Este ano haberá Mercado Medieval?
Non haberá, porque para facelo co formato habitual é moi complicado pola covid19e a incertidumbre nas normas, así que apostamos por manter a data do calendario facendo outro tipo de actividades ou outro formato.
En que consistirá entón?
O día 17 de xullo faremos unha Xornada de Historia Local cun ciclo de conferencias sobre o Mariscal Pardo de Cela, a fidalguía na Mariña e a moda e roupa medieval. Pola tarde será a visita guiada ao Pazo de Carricide ás 17.30 horas, e á noite poderase desfrutar dun concerto no exterior do castelo a cargo de Tundal e tamén contaremos cunha exposición de traxes medievais do 12 ao 25 de xullo.
Que plans hai de futuro para Alfoz?
A situación que pasamos co covid19 fainos traballar máis cara o presente, non se poden planificar as cousas a longo prazo. Pero se queremos manter a boa situación e seguir potenciando ese tipo de turismo respetuoso co medio ambiente, de calidade, de natureza, etc, temos que poñer en valor os propios recursos e hai que ir vendo e adaptándose as circunstancias.
A oficina de turismo está ubicada nunha contorna privilexiada?
Si, atópase no castelo de Castrodouro e en verán abrimos a oficina de martes a domingo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Ademais procuramos ter a web moi actualizada e tamén, gracias a Mancomunidade, que está a facer un labor moi importante do xeodestino en internet coa formación e asesoramento aos responsables de turismo.