Manuel Eiras, Club Atletismo Ría de Foz: "Faríame ilusión que os nenos que comezaron foran os que colleran as rendas do club"
Falamos con Manuel Eiras Rodríguez, presidente, corredor e adestrador do Club de Atletismo Ría de Foz
Por Ana Somoza López.
Cando comezou o Club de Atletismo Ría de Foz a súa actividade?
O Club naceu fai 6 anos coa necesidade de xuntarnos varios rapaces aos que nos apaixona este deporte. Á fronte atopámonos Ana, Marcos, Rosalía, Esmeralda e máis eu.
Cantos membros ten?
Actualmente contamos con arredor de 145 ou 150 socios dividos nas diferentes categorías e disciplinas que temos.
Como naceu este proxecto?
Este proxecto xurdiu para facilitarlle a toda a xente do Concello de Foz e da Mariña que tivera a opción de practicar deporte e medrar tanto personalmente como a nivel deportivo. Os nosos valores son o esforzo, o compañerismo ou o sacrificio por ribados resultados.
Contan con convenios con outros clubs?
Si. Actualmente temos convenio co Lucus Caixa Rural de Lugo e o club Atletismo de Burela é filial noso. Ademais este ano incoporamos ao Club Triatlón de Santiago aos nosos convenios de colaboracións.
Cales son estas disciplinas e categorías?
Contamos con todas as categorías dende prebenxamín ata veteráns. E dentro das disciplina pois traballamos outras disciplinas das que se compón o atletismo como son lanzamentos, saltos, velocidade, relevos, etc. Ademais, temos sección de trail running, cross, contamos con xente de duatlón e triatlón, e tamén facemos carreiras populares e campo a través.
Cales son as especialidades con máis éxito entre os membros?
Sobre todo medio fondo e fondo. Un 60% dos membros do club están na disciplina de fondo. As d emedio fondo van dende os 800 metros ata os 3.000, e a de fondo vai dende os 5.000 metros ata 42 quilómetros.
Canto tempo é necesario adicarlle aos adestramentos?
Os rapaces adestran tres días e os adultos como son unha sección máis popular e cada un sabe o que ten que facer, teñen dous días de adestramento presencial á semana e un planning mensual. Despois os atletas que xa compiten a nivel nacional xa contan con propios adestradores e outro tipo de adestramentos.
Cales son os requisitos para formar parte?
O requisito máis importante é ter ganas de pasalo ben e de facer deporte, esto é indispensable, porque unha das nosas máximas é que todos os nenos comecen sendo compañeiros independientemente de onde veñan. Así, hoxe en día moitos de eses rapaces son amigos fóra do atletismo. Esto foi algo que sempre quixemos transmitir porque para nos a canteira é a base de todo.
Contan con instalacións suficientes para adestrar e competir?
En Foz adestramos no campo de fútbol de Malates que é de herba sintética e o do Cangas de Foz que é o noso principial sitio de adestramento. Para competir témonos que desprazar a outras localidades.
Teñen alguna reinvidicación deportiva?
A máis importante é a de ter unas instalacións decentes para todos os clubs da Mariña, ese é un dos nosos principais obxectivos. Contar cunhas pistas ben diseñadas e homologadas para que se poidan realizar campionatos e para que todo o texido atlético da Mariña desfrute delas.
Pero actualmente a Mariña non conta con pista?
Si, contamos coa que está en Cervo que é de cemento. E hai un proxecto novo para desenvolver nun futuro e que consistirá en melloralas, pero non é ninguna marabilla, xa que contará tan só con 6 rúas cando deberían ser 8 e non poderá albergar campionatos de Galicia, non terá zona de lanzamento específica, terá herba sintética no lugar de ser natural, nin outros menesteres. É dicir, as novas pistas valerán para adestrar pero non para competir.
Contan con axudas por parte das administracións?
A verdade é que non contamos con moitas axudas por esa banda. Neste ano comezamos a contar xa con alguna axuda da Xunta e da Deputación, non moita, pero algo sempre se agradece. E o Concello nestes anos non aportou moitos cartos ao club, pero si é certo que nos eventos que facemos si que contribúe moito, pero son cousas distintas, é dicir, colabora no Run Foz Run pero non no club propiamente aínda que parece que para o 2022 xa hai unha pequena partida para o club. Básicamente sobrevivimos coas cotas dos socios e os patrocinadores privados, é tamén os eventos que facemos pois son os que nos axudan a manter o club.
Cre que a sociedade da Mariña está o suficientemente involucrada co atletismo?
Dende uns anos para aquí púxose de moda o running pero sí é certo que na Mariña sempre houbo tradición atlética e cremos que se xa saen atletas bos de aquí poderíamos facer cousas máis serias con instalación e axudas.
Cómo veremos ao club dentro dalgúns anos?
Hai una cousa que teño clara e é que espero que eu poida ser prescindible, é dicir, dedicarme a correr e a adestrar e que outro leve o temón. Eso significaría que todo vai ben e que se suma xente ao proxecto. Faríame moita ilusión que os nenos que comezaron ao principio desta aventura que foran os que colleran as rendas á fronte do club.
Algún consello para aqueles que queiran comezar no mundo do atlestismo?
Que non teñan medo, que o atletismo no é so correr, sobre todo nas idades máis tempranas porque os nenos xogan e practican sen enterarse de que o están a facer. Pero o imporate é desfrutar do atletismo e do deporte en xeral.