Rubén García, Escolas Deportivas de Lourenzá: "O mérito destas escolas é da directiva, que traballa desinteresadamente"
Por Ana Somoza López.
Rubén García Piñeiroa, coordinador deportivo das escolas deportivas de Lourenzá, fala da traxectoría da entidade e das súas disciplinas
Como xurden as Escolas Deportivas Concello de Lourenzá?
En setembro do ano 1996 quedou constituida oficialmente a escola, polo que éste ano estamos no 25 aniversario aínda que os actos están paralizados e estamos pensando en retomalos en canto remate a pandemia.
Que obxectivos perseguen as escolas?
Educar a través do deporte, sobre todo o que traballamos é a formación desde a base.
As escolas funcionan moi ben?
Estas escolas funcionan ben gracias a unhas 15 persoas que forman a directiva e que traballan desinteresadamente por facer este labor. Tamén ao fronte desta entidade está Pablo Maseda que leva uns 12 anos nas escolas e 3 no mandato. Sen o traballo de toda esta xente, a este equipo humano, esto sería imposible.
Que lle aporta aos deportistas formar parte delas?
Se en algo se distinguen estas escolas é no grado de familiaridade e de cercanía que se desprende. Logo inténtase traballar coa máxima calidade e os nosos deportistas supoño que o notan, claro.
Cantos deportes acollen?
Agora mesmo ofertamos un amplo abano de posibilidades como fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo, duatlon, tríatlon e patinaxe. Tocamos un pouco todos os deportes, pero os que hai tentamos traballalos con calidade e facelo ben.
Con cantos pequenos contan?
O número de deportistas está ao arredos dos 200. Agora mesmo contamos con sección de adultos en varias disciplinas porque os nenos fanse maiores e hai que seguir traballando con eles. Por exemplo temos un equipo de futbol con rapaces que se formaron nas nosas escolas, é dicir, que foron crecendo día a día nelas.
Como están a nivel premios?
No tocante aos premios as seccións ao ser tantas, sobre todo antes da pandemia, o nivel de éxitos viña en diferentes disciplinas. Esta última tempada só traballamos o fútbol base alevín e benxamín, no que hai que destacar que o alevín foi campión. Traballamos o atletismo no que temos múltiples pódiums autonómicos e traballamos tamén o patinaxe pero sen chegar a competir. O resto de seccións están paradas e esperamos que en setembro se reinicien a maioría das competicións deportivas.
Certo é que no atletismo destacan moito, algunha futura promesa?
No tema de atletismo, Fernando Vallines, ten moitas cualidades para o peso, e ademais recentemente foi campión autonómico en peso xuvenil. E no tocante as rapazas hai varias na categoría alevín que o fan moi ben, pero temos que ver a súa progresión e sobre todo a onde queren chegar elas.
Canta xente está vinculada a esta práctica en Lourenzá?
En Lourenzá temos deportistas de toda a zona xa que estamos rodeados de varios concellos. No atletismo e fútbol temos nenos de Mondoñedo, Riotorto, Trabada, Ribadeo, Foz, San Tirso de Abres, Burela, Cervo... de moitos sitios diferentes da comarca.
Haberá algunha novidade para a tempada que vén?
A novidade sería poder volver a funcionar con normalidade. Aínda así, o que estamos é estudiando un proxecto de fútbol de futuro co CD Foz para fortalecer os equipos e intentar ascensos ás ligas galegas. Tamén estrenaremos en breve o campo de fútbol artificial cun césped de última xeración homologado pola Fifa. Unha aposta do Concello por manter e mellorar as infraestruturas que temos, e por outra banda temos en estudio dúas rúas de atletismo entre ambos campos, o natural e o novo artificial.