Club de Remo de Ribadeo: "O remo é un deporte sacrificado que saca o mellor de cada un"
"A orixe foi fai 40 anos, no 1984, cando cinco persoas relacionadas co mundo do mar e os deportes marítimos, fundaron este club", conta Jesús Carreira Alonso, presidente do Club de Remo de Ribadeo. Así comeza a actividade desta entidade deportiva con esas cinco persoas que puxeron o xerme dun espírito que se mantivo ao longo dos anos. Aquel pequeno grupo marcou o inicio do que hoxe é un dos clubs de remo máis importantes de Galicia e de España.
Hoxe en día, Carreira Alonso considera que é un "club de deporte base" e de formación para mozos e mozas. Teñen categorías desde alevín, infantil, cadete e algún xuvenil. "É unha escola deportiva propiamente dita xa que hai desde os 9 ata os 17 anos", recoñece.
O REMO, SINÓNIMO DE SACRIFICIO
"Máis aló de deportes maioritarios como o fútbol ou baloncesto, o remo ten de diferente que é un deporte no que o traballo en equipo é fundamental e sacrificado", sinala o presidente do club. “Os rapaces teñen que facerse cargo das embarcacións: baixalas, preparalas, sacalas ao mar, limpalas e deixalas listas para o seguinte adestramento. Isto crea unha responsabilidade e unha unión entre todos, porque cada membro do equipo é imprescindible”, sinala Carreira.
Ademais, subliña o esforzo que require este deporte, especialmente nos días de inverno, con condicións meteorolóxicas adversas: "É un deporte sacrificado, pero saca o mellor de cada un". Promove valores como a pertenza, a colaboración, o sacrificio, a superación persoal cando se adestra con mal tempo e a dedicación.
"É un deporte que se che gusta, estás moi implicado nel, é case unha forma de vida, neste tipo de deportes tan sufridos, nos que ao fin e ao cabo, o que fas é dar a sensación de que pertences a un grupo, es dun equipo, pero estás moi implicado no que lle pasa a cada membro. Todos suman un todo e os éxitos e fracasos compártense de forma moi intensa", revela.
NA COMPETICIÓN, UN CLUB REFERENTE
O Club de Remo de Ribadeo compite a nivel autonómico e nacional e pode presumir de éxitos deportivos que o converten en referencia. Este ano, destacan os títulos logrados no Open de Castrelo de Miño, onde competiron clubes de toda España, situándose entre os mellores. Ademais, a nivel cadete, o club consolidouse como un dos máis importantes do país. Carreira enumera con orgullo os campións de España e Galicia: Antón Balsa Val e Irene García Valle, campións de España; o dobre formado por Mateo Monteserín e Conrado Lara, campións galegos e subcampións nacionais; e Carlota Peña e Irene Martínez, tamén campioas galegas e nacionais. Na Copa Primavera, "fomos o club gañador en medallas de 22 clubes nacionais con 13 embarcacións e 9 podios".
Clave deste éxito e referente para rapaces e rapazas, o seu adestrador, Mauricio Monteserín, ao que define o presidente como "piar fundamental deste club". Olímpico en Sidney, con Jaime Rios, campión de España e recoñecido con múltiples premios. De feito, o ano pasaso foi nomeado como o mellor adestrador a nivel galego e un dos máis destacados de España. “A súa experiencia e dedicación son o que fai que os rapaces saquen o máximo rendemento”, asegura o presidente.
RETOS FUTUROS
A pesar dos éxitos, os retos continúan. O presidente subliña a necesidade de mellorar o equipamento e as instalacións. “As embarcacións son custosas e é preciso renovalas con frecuencia para competir ao máis alto nivel. Aínda que os rameiros sexan moi bos é moi importante ter embarcacións punteiras”, explica. Tamén fai un chamamento á colaboración das administracións e patrocinadores: “Na directiva somos pais e nais que dedicamos o noso tempo libre a manter o club. O diñeiro é limitado e precisamos axuda para seguir medrando e mellorando a infraestrutura para que o remo siga tendo máis tirón do que ten”.
De cara ao futuro, o obxectivo do club é claro: manter unha base sólida de deportistas, ofrecerlles o mellor material posible e garantir que adestren nas mellores condicións. “O que máis nos motiva é ver os rapaces contentos, implicados e desfrutando deste deporte”, conclúe Carreira.
Veñen de cumprir este 2024 os cuarenta anos, cal é a receita? O presidente expresa: “Moita dedicación, inspirados polo adestrador, ao final sacas tempo de onde non hai e merece a pena por ver que os rapaces desfrutan e adestran nas mellores condicións posibles. A nós motívanos que os rapaces teñan logros, pero sobre todo que adestren nas mellores condicións posibles, dentro das posibilidades do club. O obxectivo e reto é que estean motivados e que teñan o mellor material posible para facer o traballo da mellor maneira posible”.