Club de Bolos de Xove: "Ademais dun club somos un grupo de amigos que se xunta a charlar e xogar"

AMariñaXa
Falamos con Ginés Rodríguez presidente do Club de Bolos de Xove. O Club de Bolos de Xove formouse fai 14 anos para o desfrute dos veciños
club bolos xove 2012
10 Oct 2021

O Club de Bolos de Xove formouse fai 14 anos para o desfrute dos veciños

Por Ana Somoza López.

Falamos con Ginés Rodríguez presidente do Club de Bolos de Xove.

Como ou cal é a historia do club?

A creación do club foi no 2007 e debeuse a un montón de circunstancias que levaron ao mesmo tempo á creación da Liga Provincial de Bolos. Por motivos de traballo eu estaba vivindo en Ribadeo e un día nun bar vin un cartel anunciado un torneo de bolos pola zona de Ribadeo, acerqueime a ver como eran eses bolos e contactei con xogadores da zona de Ribadeo que só xogaban días puntuais e ese torneo era o primeiro que se facía en anos.

Como eu vivía na vila de Ribadeo, decidimos facer un campo de bolos na parroquia de Remourelle e intentar xogar casi todas as fins de semana. Pouco a pouco fumos contactando con xogadores de Santa Marta en Riotorto, Órrea en Meira, etc, que facían pequenos torneos locais. E tempo despois na Pontenova fixeron unha demostración de xogos populares e aí descubrimos que existía unha Federación de bolos, na que estaban integrados os bolos celtas que eran algo parecido ao que xogamos nós. Contactamos co presidente da Federación e este animounos a crear unha liga local, para a cal era necesario que se crearan clubs deportivos. E con moito traballo e moitas reunións conseguimos que se formaran 7 clubs na provincia e comezamos así a Liga Provincial de Bolos.

Como comezou vostede a xogar aos bolos?

Debín comezar con 13 ou 14 anos, xa hai 43 polo tanto, na boleira que fixo Manolo do bar Dous Irmans en Lago e ía xogando nos torneos das festas ata que, xa fai máis de 30 anos creouse a Liga Local de Bolos, con gran apoio do Concello e moitísimo traballo por parte do Técnico de Cultura, Mario Eijo.

Como é o Club de Bolos?

O Club de Bolos Xove, ademáis dun club deportivo, é un grupo de amigos que coa disculpa dos bolos xúntanse moitas tardes a charlar e practicar o xogo.

Cantos socios ten?

Máis que socios diríase que hai xogadores federados, con estos fórmase a xunta directiva e imos traballando durante todo o ano. No 2021 xa somos uns 50 xogadores

Compiten en moitos torneos?

Podemos dicir que os xogadores do Club de Bolos Xove pasamos todo o ano competindo, xa que de outubro a marzo xogamos case todos os sábados a Liga Local de Bolos, de marzo a xuño xógase a Liga Provincial de Bolos, e a partir de xuño e ata setembro xogamos campionatos galegos e españois e se cadra campionatos intercontinentais con xogadores de Arxentina e Uruguai.

Que tipo de adestramento se necesita para os bolos?

Xogar aos bolos é sinxelo e non ten ninguna dificultade, a proba é que na liga de Xove compite xente con máis de 70 anos e menos de 10 anos. Pero, unha cousa é xogar e outra competir a tope para campionatos galegos e españois, nestes campionatos xa hai que estar en forma e ter moita potencia sobre todo nos brazos e nas pernas, debido a que se teñen que facer moitas tiradas para chegar ás prazas finais e si non estás en forma non tes moito que facer.

Onde practican?

No Concello de Xove hai 9 boleiras para xogar aos bolos, pero para xogar ao bolo celta, que é a modalidade na que se xogan os campionatos galegos e españois, temos un só campo que está na parroquia de Sumoas.

Como son as competicións?

A Liga Local xógase case todos os sábados de outubro a marzo en 18 xornadas, pasando dúas veces por cada boleira e son 9 boleiras situadas nas distintas parroquias do Concello. En cada xornada vanse acadando puntos según a posición da xornada e o final coa suma de puntos vense os postos finais. A Liga Provincial é igual que a Liga Local de Xove, son 12 xornadas visitando os campos de xogo dos distintos clubs da Provincia. Xógase un partido entre clubs pero os puntos acadados sirven tamen para unha clasificación final individual. Ao terminar a Liga Provincial temos que facer clasificatorios para ver que xogadores e xogadoras se clasifican para os campionatos galegos e españois. Incluso chegamos a xogar campionatos intercontinentais. O ano pasado dous xogadores do club foron internacionais.

Compiten homes e mulleres, e enfróntanse?

Nos bolos xógase en todas as categorías tanto masculina como feminina. Hai campionatos que xogan homes contra mulleres e incluso hai campionato mixto no que se xoga en parellas home-muller contra home-muller. A día de hoxe unha parella mixta do club de bolos Xove é campioa de España.

Como son as categorías?

As categorías son coma en todos os deportes (desde infantil ata superveteranos).

Alguna anécdota que poida compartir?

Como comprenderás hai centos de anécdotas que xurden nas relacións entre xogadores nos campionatos. Por poñer algunha direiche que o primer partido de Liga Provincial que xogamos en Remourelle algún do público cabreouse conmigo porque xogaba co equipo de Xove, xa que era o presidente, e decíanme que como xogaba con Xove se estaba todos os días entrenando con eles. O outro día na oficina, cando lle pedín a un compañeiro que me trouxese un bordillo, díxenlle que era para o campo de bolos de Ribadeo e nese momento e por casualidades da vida o electricista que nos estaba facendo unha reparación e nos escoitou falar díxonos que eles tamén xogaban na parroquia de Santa Marta de Riotorto, o cal nos levou a contactar coa xente desa parroquia.

Contan con moito apoio municipal ou autonómico?

O certo é que desde o noso club recibimos apoio económico tanto do Concello, coma da Deputación e da Xunta o que nos permite que os desprazamentos a todos os campionatos que imos xogar, e ao largo do ano son moitos, no teñan un coste prohibitivo para os xogadores. Aínda que ao final sempre temos que poñer algo de diñeiro, pero son cantidades asumibles, que se non fora polas subvencións tanto a nivel de vestimenta como de desprazamentos puidera ser que algún xogador non puidese participar nestes campionatos.

Xógase aos birlos no resto do país ou do mundo?

Aos bolos xógase en todo o mundo pero o que pasa é que hai moitísimas modalidades. A modalidade de bolo celta pódese dicir que se xoga en Asturias, Galicia, Madrid, Arxentina e Uruguai. En Chile e en Portugal tamén xogan a unhas modalidades parecidas e dende a Federación Galega estanse facendo esforzos para incorporar a xogadores de estos países aos campionatos intercontinentais.

club bolos xove1
club bolos xove1 gines recibindo trofeo

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18369483947754