Entregados os premios da edición 2026 das Catas de Queixos e Meles

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou este mediodía na entrega de premios da XXIX Cata de Queixos e XXV Cata de Meles, que se celebra hoxe en Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, Gómez destacou a calidade diferenciada como ferramenta para fortalecer o rural, xa que representa preto do 15 % do valor do sector agroalimentario galego. Seguindo esta liña, sinalou que a meta dos produtos galegos non é competir en calidade, senón en excelencia.
No evento, que contou coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a conselleira sinalou que “a verdadeira forza” destas producións “non se mide só en cifras”, ao tratarse dun eido no que a identidade xoga un papel fundamental que distingue, caracteriza e enxalza os produtos agroalimentarios que se elaboran en Galicia.
Neste sentido, Gómez fixo referencia á transformación das nosas materias primas como elemento a través do cal xerar valor engadido, multiplicar a riqueza, crear emprego e fixar poboación nas contornas rurais. Así, lembrou que Galicia xa procesa máis do 75 % do leite que se produce na comunidade.
Unha boa mostra deste compromiso son as catro denominacións de orixe protexidas (DOP) existentes no sector lácteo (Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro) “que levan anos demostrando que a tradición e a calidade do leite abren calquera mercado”.
En relación co mel, a conselleira lembrou a diversidade floral da comunidade, causante de que no noso territorio poidan elaborarse producións únicas, que contan cun distintivo de calidade propio, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.
María José Gómez mencionou tamén a marca Aquí Sabemos – Alimentos de Calidade Diferenciada de Galicia, coa que a Xunta promove que os consumidores identifiquen e escollan produtos certificados, apoiando así os produtores e a economía local.

171 mostras procedentes de 69 empresas
Nestas XXIX Cata dos Queixos e XXV Cata dos Meles rexistráronse un total de 171 mostras procedentes de 69 empresas. No eido dos queixos, participaron 98 producións de 39 industrias queixeiras, case un 50 % máis que na pasada edición. Deste xeito, o certame contou con 20 mostras da DOP Arzúa-Ulloa, 17 da DOP Queixo Tetilla, 13 da DOP San Simón da Costa e tres da DOP Cebreiro. A estas súmanse cinco mostras de produción ecolóxica certificada polo Craega e 40 queixos de Artesanía Alimentaria, unha modalidade que está a adquirir un protagonismo crecente no sector.
Cabe sinalar tamén que a edición XXIX da Cata dos Queixos incorpora seis novas subcategorías para os queixos artesáns, agrupadas segundo a maduración, o tipo de leite e a incorporación doutros ingredientes ou tratamentos. Así, distínguense os queixos de vaca frescos, de maduración media e curados; os elaborados con leite de ovella ou cabra; e os denominados queixos con segredo e de codia afinada.
No que respecta á XXV Cata dos Meles, participaron 29 industrias envasadoras cun total de 70 mostras, o que supón un incremento de máis do 20 % con respecto ao ano pasado. Deste xeito, o evento contempla as categorías de meles monoflorais, multiflorais, de melada ou de bosque e meles artesáns de Galicia.