En marcha un proxecto de cartografía e dixitalización integral en Foz

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz puxo en marcha un proxecto de cartografía e dixitalización integral e contido multimedia
150323 UN DOS TRABALLOS DO PROXECTO DE CARTOGRAFÍA E DIXITALIZACIÓN INTEGRAL DO CONCELLO DE FOZ
15 Mar 2023

A Delegación de Turismo do Concello de Foz puxo en marcha un proxecto de cartografía e dixitalización integral e contido multimedia “moi ambicioso, que contempla diversos traballos dentro da aposta incondicional do Concello de Foz polo uso das novas tecnoloxías e posta en valor do territorio”.

O concelleiro de Turismo, Chema Linares, explica que “por outra parte estase a elaborar un repositorio de recursos turísticos coa identificación e xeoreferenciación de diversos elementos de interese turístico ou paneis informativos coa incorporación a portal web de consulta (Mapbox) e deseño de plantillas e macros para a creación de mapas pola Oficina de Turismo. Desta forma podemos ter identificados todos os recursos do concello, ir incorporando novos e traballar sobre mapas identificando aqueles segundo as necesidades do momento; por exemplo poderase determinar que paneis poidan necesitar unha reparación para unha actuación conxunta nun momento determinado”.

Chema Linares engade: “estase a elaborar unha planimetría urbana con actualización toponímica do rueiro coa identificación de servizos e demais elementos de interese turístico necesarios para unha boa información e que poidan estar a disposición tanto das oficinas de turismo como do sector da hostalería en arquivo dixital ou impreso. Un terceiro traballo é a elaboración dunha guía turística representativa do conxunto territorial con información relativa a xeografía, patrimonio, cultura, actividades comerciais e deportivas. Trátase dunha guía turística e comercial en formato electrónico iBook cun inventario de actividades comerciais dispoñible para poder imprimir tamén en formato papel. Con esta iniciativa todo o sector servizos, tanto hostalería como restauración e comercio, poderá dispoñer dunha guía para descargar en dispositivos electrónicos como tablet, ordenadores e móbiles e poñela a disposición dos clientes; desta forma poderemos ampliar, mellorar ou modificar a información e contido da mesma en calquera momento”.

O edil de Turismo especifica tamén que “un cuarto traballo é dotar ao Concello dun contido multimedia do que ata agora non dispoñía, para incorporar ás redes sociais ou á propia web de turismo do Concello, que se está a preparar, como é unha serie de fotografías aéreas 360 graos de espazos icónicos, paseos virtuais por escenarios de interese turístico como igrexas, castros, praias, arquivos sonoros de determinados espazos naturais, etcétera. Por último estase a traballar no deseño, cartografía e dixitalización de rutas de BTT e ornitolóxicas, de gran importancia no concello, para aproveitar todo o potencial que pode ofrecer Foz ao contar con numerosas rutas para a practica da bici de montaña, tan en auxe nestes momentos, como as zonas Zepa das que dispoñemos”.

Linares destaca que “con estes traballos o Concello de Foz situase á vangarda na dixitalización turística na comarca e no uso das novas tecnoloxías para poder identificar de forma ordenada os nosos recursos e actuar con rapidez. Permite ter actualizada sempre a información, poder ampliala o mellorala e ter a disposición dos axentes turísticos e de servizos toda a información en formato dixital para o seu traslado a formatos electrónicos ou a súa impresión en papel, se fora necesario. Con toda esta información poderanse elaborar paneis informativos, folletos, revistas, guías, mapas de isócronas e códigos QR”.

paneis informativos foz 2022
150323 UN DOS TRABALLOS DO PROXECTO DE CARTOGRAFÍA E DIXITALIZACIÓN INTEGRAL DO CONCELLO DE FOZ

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17605710029602