Emoción ata o final coas guerreiras laranxas de Burela
As Guerreiras Laranxas pelexarán ata o final, co título de liga en xogo. Mañá, na xornada 30 de Primeira RFEF, o Pescados Rubén Burela FS disputará os tres últimos puntos ante o pechacancelas da categoría e xa descendido Femisport Palau; será no pavillón Sabadell Nord, ás 18.00 horas (horario unificado).
Non podía haber máis emoción. As mariñás chegan ao desenlace empatadas a 81 puntos con Futsi Atlético Navalcarnero, no cumio. Primeiro, o cadro laranxa ten que facer os deberes e despois agardar a que Futsi cometa algún erro, aínda que sexa en forma de empate, na pista do Alcorcón FSF, que defende a terceira praza, con 1 punto de vantaxe sobre o cuarto, Ourense Envialia FSF.
“Quédanos un partido por diante que en teoría temos que gañar, polos números que ambos conseguimos ao longo da tempada. Realizamos un gran traballo nesta liga; chegamos á última xornada coa posibilidade do título e por iso debemos estar e estamos orgullosas”, explicaba a sempre máxica Cilene, ante un rival que só puido puntuar nunha ocasión en toda a competición, grazas ao empate na xornada 2, con Poio Pescamar.
“Sabemos que é posible; é unha semana diferente porque sabemos o moito que nos xogamos, pero non depende de nós. Julio e Lucas non están marcando expectativas, eles saben o moito que traballamos; estamos moi concienciadas en facer o noso traballo, pero a realidade é que dependemos do que pase entre Alcorcón e Futsi”, explicaba Cilene, pensando tamén xa na gran festa que se vivirá a mediados de xuño en Vista Alegre, coa Copa de SM A Raíña: “A Copa xa está preto; para nós será máis bonita e especial, contando coa nosa afección”.
Na primeira volta, o marcador caeu do lado laranxa, por 8-1.
Xunto á ausencia de Cristina, que continúa coa recuperación da súa intervención de xeonllo, tampouco estará Peque, por unha microrrotura nun gemelo.