Ebony Joy Phillips, unha voz afroamericana que atopa en Foz un novo lugar para crear

Por Ana Somoza.
Ebony Joy Phillips chegou a Foz case por casualidade e acabou atopando na Mariña un lugar no que continuar explorando a súa identidade musical. A cantante estadounidense afronta agora unha nova etapa artística a través de Ébano Acústico, un proxecto que lle permite regresar á esencia das cancións e percorrer diferentes estilos cun formato reducido. A súa proposta parte dunha idea que para ela resulta fundamental: achegarse á música desde as súas raíces afroamericanas e conseguir que o público non só escoite as cancións, senón que tamén descubra as historias e a cultura que hai detrás delas.
O novo camiño xurdiu despois dunha experiencia musical de dimensións moi diferentes. En xuño do ano pasado, Phillips gravara en directo en Valencia un amplo proxecto orixinal no que participaron numerosos músicos. Tras aquel traballo empezou a sentir a necesidade de cambiar de dirección e buscar algo máis íntimo. “Anhelaba algo máis sinxelo para o próximo proxecto”, recoñece.
Foi durante o inverno de 2025 cando decidiu poñer en marcha Ébano Acústico xunto a Alex, apostando pola guitarra como principal acompañamento. A elección ten tamén unha dimensión persoal para Ebony, pois foi precisamente “o instrumento co que aprendín a cantar”. O repertorio comezou a construírse con versións de cancións coñecidas e outras non tanto, pero reinterpretadas desde unha perspectiva moi concreta: “Desde as miñas raíces afroamericanas”.
RAÍCES
Ese vínculo coa súa procedencia musical é un dos elementos que mellor explican a personalidade artística de Phillips. Soul, blues, rock e pop aparecen como influencias fundamentais nesta nova etapa, sempre adaptadas ás posibilidades do formato acústico. A cantante sinala ademais a conexión da guitarra con España e considera que, dalgún xeito, tamén existe “un pouco de influencia da Península” na proposta.
Moverse entre estilos diferentes cunha instrumentación tan reducida está permitíndolle descubrir novas posibilidades como intérprete. Ebony recoñece que este repertorio está sacando dela numerosos rexistros y valora especialmente a liberdade que lle ofrece. “Podo expresarme de varias maneiras e realmente proxectar un rango de estilos. Encántame”, asegura.
Pero a aposta pola sinxeleza non significa renunciar á riqueza musical. Ao contrario, para Phillips implica buscar aquilo que fai recoñecible e especial cada composición. O formato acústico permítelle regresar ao momento no que probablemente naceron moitas das cancións que inspiraron a diferentes xeracións. “Todo empezou con alguén sentado cunha guitarra ou fronte a un piano... cunha idea”, reflexiona.
ESENCIA
Esa volta á orixe é unha das cuestións que máis lle interesan. Fronte ás grandes producións, Ebony busca agora descubrir o corazón dunha canción e reconstruíla cos elementos imprescindibles. A propia organización do traballo resulta máis sinxela ao tratarse dun proxecto reducido, especialmente porque ensaiar é unha parte importante da súa maneira de entender a música e coordinar os horarios dunha banda completa non sempre resulta fácil.
Con todo, detrás da aparente simplicidade hai un proceso minucioso. Phillips non dubida cando fala do principal reto: “Os arranxos son importantísimos”. Para ela non chega con coller unha canción e reproducir os seus acordes coa guitarra. “Non é só tocar os acordes da canción e xa”, insiste.
É necesario localizar o ritmo, escoitar os pequenos detalles que achegan os distintos instrumentos e decidir cales deles resultan fundamentais. Ebony analiza tamén a intención da propia composición: “É para bailar, é para reflexionar, é para protestar?”. A partir desa pregunta hai que buscar a maneira de trasladar á guitarra os matices que permiten conservar o carácter orixinal. Ela denomina eses pequenos elementos co termo inglés flourishes, adornos que poden parecer secundarios pero que contribúen a dar personalidade ao resultado.
FOZ
A nova etapa musical de Phillips quedou unida a Foz por unha sucesión de circunstancias inesperadas. “Foz é incriblemente bonito”, afirma. A cantante explica que a chegada á localidade non estaba inicialmente nos seus plans. Os pais de Alex viven no Valadouro e ambos viñeron a Galicia coa intención de montar un estudio nunha casa para gravar o seguinte proxecto orixinal de Ebony.
A situación finalmente non resultou adecuada para desenvolver esa idea e acabaron atopando unha alternativa en Foz. O cambio permitiulle descubrir tamén o panorama musical da zona e entrar en contacto con artistas que ensinan e actúan na comarca.
Antes da chegada, Alex xa investigara a través da internet os proxectos musicais existentes en Galicia. Ebony destaca a súa capacidade para utilizar a rede “como unha biblioteca informática” e lembra que atopou intérpretes cun “gran nivel e creatividade”. Aquela primeira impresión fíxolles pensar que tamén descubrirían talento no ámbito máis próximo. “Tivo toda a razón”, sinala Phillips.
Se ten que resumir o que atopou en Galicia e especialmente en Foz, escolle tres elementos moi concretos: “Tranquilidade, natureza e xente con moito talento musical”.
ACOLLIDA
A resposta recibida nesta nova etapa tamén está contribuíndo a que Ebony se sinta cómoda na Mariña. Define a reacción do público como “entusiasta” e destaca especialmente o trato que atopou. “Sentimos moito amor, respecto e acolléronnos por aquí”, explica.
A cantante mira con interese cara á escena musical local e non descarta que ese contacto poida desembocar en novos proxectos. “Gustaríame colaborar con músicos locais, claro que si”, afirma. Non pretende establecer de antemán como deberían ser esas experiencias, senón compartir música e, a partir dese encontro, “ver o que xorde”.
Tampouco quere fixar un percorrido excesivamente ríxido para Ébano Acústico. Phillips sabe que unha proposta pode evolucionar de maneiras inesperadas e prefire deixar espazo para ese crecemento natural. “O mundo da música ten moitas maneiras de desenvolverse”, sinala, polo que afronta o futuro coa intención de ir descubrindo “o que trae Ébano Acústico”.
IDENTIDADE
Por riba dos posibles camiños futuros, Ebony ten claro o que quere transmitir cando sobe a un escenario. O seu propósito é que quen a escoite poida achegarse ás cancións desde a perspectiva cultural e musical coa que ela as interpreta. Quere que o público poida “experimentar esta música desde a perspectiva desde a cal a traemos” e, ao mesmo tempo, “coñecer un pouco máis as cancións polas súas historias e raíces”.
Non se trata, por tanto, unicamente de versionar temas. Para Phillips é importante recuperar a memoria que acompaña esas composicións e permitir que o espectador comprenda mellor de onde proceden, sen perder a capacidade emocional da música. O obxectivo final é que as persoas “poidan sentir todo o que a música achega”.
Desde Foz, Ebony Joy Phillips constrúe así unha etapa na que conflúen pasado e presente: a tradición musical coa que medrou, a experiencia acumulada en proxectos máis amplos, o regreso á voz e á guitarra e o descubrimento dun novo territorio no que seguir creando. E, por moito que Ébano Acústico poida evolucionar no futuro, hai unha idea que permanece como punto de partida. A propia cantante resúmea en poucas palabras: “Música autenticamente afroamericana. Honrando as miñas raíces”.