Ducias de persoas participan este sábado na II Andaina “Ribadeo en marcha contra o cancro”

Ducias de persoas tomaron parte este sábado na segunda edición da andaina solidaria “Ribadeo en marcha contra o cancro”, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro.
A saída produciuse pouco despois das once da mañá desde o parque de San Francisco, pasando pola rúa Villafranca del Bierzo e a avenida Calvo Sotelo, para continuar cara á Illa Pancha e regresar ao punto de inicio.
A convocatoria reuniu participantes de todas as idades, desde nenos ata persoas adultas, así como familias e grupos de amizades, nunha xornada marcada por boas condicións meteorolóxicas, cunha temperatura próxima aos 26 graos no momento da saída.
Ao evento asistiron distintas autoridades e representantes institucionais e sociais, entre eles o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas; o alcalde de Ribadeo, Dani Vega; membros da corporación municipal; a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez; así como representantes da AECC de Ribadeo, encabezados pola súa presidenta, Tea Martínez.
A II Andaina “Ribadeo en marcha contra o cancro” contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo, ademais da colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.