Dúascentas familias denuncian a falta de pediatras e reclaman solucións na Mariña

A falta continuada de profesionais de pediatría nos centros de saúde da Mariña volve provocar a protesta das familias e dos colectivos sanitarios. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña e arredor de duascentas familias expresaron o seu rexeitamento á situación que, segundo denuncian, deixa os nenos e nenas da comarca sen unha atención adecuada e reclama á Administración que cubra de inmediato as prazas que permanecen desatendidas.
Un dos casos máis recentes afecta aos concellos de Cervo e Xove, que levan un mes sen o profesional de pediatría que atende ambos municipios, sen que se incorporase ningunha substitución. A plataforma, xunto co persoal do centro sanitario e as familias, esixe que se cubra de maneira inmediata esta praza.
A coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, cualificou de "vergoña" a xestión da xerencia da área sanitaria e da Consellería de Sanidade. Porteiro cuestiona que a Administración manteña que as prazas de pediatría da Mariña están cubertas, coa única excepción da segunda praza de Viveiro, mentres que a realidade que viven os usuarios nos centros de saúde é, segundo sinala, moi diferente.
A alternativa que se está ofrecendo ás familias de Cervo e Xove pasa por desprazarse ata o centro de saúde de Burela, onde tamén existen ausencias das dúas pediatras e a atención está garantida unicamente de maneira puntual. Outra opción é acudir ao Punto de Atención Continuada (PAC) burelés, un servizo de urxencias que non conta con ningún profesional especializado en pediatría.
Desde a plataforma alertan das consecuencias que esta falta de cobertura ten para a saúde infantil. Entre os problemas que destacan figura o adiamento sen unha nova data das revisións periódicas, necesarias para controlar o desenvolvemento das crianzas e identificar posibles anomalías de forma temperá. A situación tamén dificulta a atención habitual das enfermidades e dos problemas de saúde que poidan xurdir no día a día.
O colectivo considera que esta situación vulnera o dereito á saúde dos menores e agrava as diferenzas entre os nenos e nenas da comarca e os doutras zonas con servizos sanitarios cubertos. "Esta falta de xestión eficiente vulnera o dereito á saúde das nosas crianzas, sitúaos noutra posición de vulnerabilidade e xera unha fenda de desigualdade enorme para os nenos e nenas que viven na Mariña", advirten.
A plataforma anunciou que continuará coas mobilizacións ante a falta de respostas e de medidas que considera efectivas por parte do Sergas. A próxima convocatoria será o luns 9 de novembro diante do centro de saúde de Foz, onde tamén denuncian problemas para garantir a atención pediátrica.
Segundo explica o colectivo, a praza de pediatría de Foz leva igualmente un mes sen cubrir, agás pola presenza dun profesional durante doce horas semanais, unha dedicación que non chega a equivaler a dúas xornadas completas de traballo.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública fai un chamamento á veciñanza, ás familias e aos colectivos da comarca para participar na concentración e reclamar conxuntamente unha atención pediátrica pública, digna e de calidade na Mariña.