Dous equipos lucenses enfróntanse por primeira vez nunha final da Copa Galicia de fútbol sala femenino

TerraChaXa | AMariñaXa
O Burela FS e o Castro Bloques Cando xogaranse este xoves a vitoria na gran final
Burela-fs-supercopa-2025
15 Apr 2025

O Burela FS e o Castro Bloques Cando cítanse este xoves en Lugo para disputar a final da décimo oitava edición da Copa Galicia de fútbol sala feminino, no que será a primeira vez na historia na que se enfronten dous equipos lucenses. Para o cadro mariñao será a súa novena final na competición autonómica e busca o seu oitavo título, logo de impoñerse nas edicións de 2010, 2011, 2014, 2015, 2019, 2020 e 2023. Só caeu nun partido polo título, o disputado en 2018 no pavillón da Raña de Marín diante do Poio Pescamar. Pola súa banda, para o Castro Bloques Cando é a súa primeira comparecencia na gran final. Os dous equipos alcanzaron o encontro clave despois de impoñerse con autoridade nas semifinais ao Ence Marín Futsal (1-4), as burelistas, e ao Poio Pescamar (4-1), as chairegas.

O técnico das Pícaras, Julio Delgado, non esconde que o seu equipo afronta a final nun bo estado de forma, xa que nas últimas semanas só caeron ante o Futsi Atlético Navalcarnero (1-2) e nun partido no que as mariñás mereceron moito máis. “Non sei se será o noso mellor momento da tempada, pero si que polo menos imos con moita ilusión. O ano pasado non puidemos disputar esta final, é unha espiña que temos cravada e este ano afrontámola con garantías. Vai practicamente o plantel ao completo, estamos a facer boas sesións de adestramento e, sobre todo, a dinámica de toda a tempada lévanos a chegar a estes momentos nos que nos xogamos algo estando a moi bo nivel”, valora o preparador salmantino.

Delgado é consciente tamén de que enfronte terán a un rival nunha gran dinámica de sensacións e resultados. As de Castro, que veñen de igualar ante o Ourense Ontime (2-2), enlazan catro xornadas consecutivas sen perder na Primeira Iberdrola FS e os seus bos números leváronas ata a sexta praza. “É un equipo que o ano pasado xa demostrou do que era capaz e coas novas incorporacións do mercado de inverno, con Júlia Melz e Camila Costa, o equipo creceu bastante e vemos que o segue facendo. Está sexto na clasificación, facendo bos partidos, o outro día gañou en Roldán fóra... Véxoo un equipo moi serio, moi compacto e espérome un partido moi disputado. Non deixa de ser unha final na que inflúen outros aspectos e saen a relucir os nervios. Non é un como un partido de liga, no que hai tempo de recuperar o seguinte sábado”, analiza.

Partido pechado

O preparador charro agarda un duelo difícil para as súas discípulas. “Creo que ao final son partidos bastante pechados. Non me espero un partido aberto. Está claro que por parte dos dous equipos imos tratar de cometer os menos erros posibles e ao ser nós un equipo con máis posesión de balón, creo que é un dos hándicaps que debemos de ter en conta, as perdas de balón que elas van aproveitar moi ben”, advirte.

Para evitar verse sorprendidas polas castrexas, Julio Delgado sinala que terán que ter moita paciencia. “Se somos capaces de estar tranquilas, atacar con paciencia, estar serias e maduras no partido, creo que unha das claves pode ser que non cometamos moitos erros e tamén é importante poñerse por diante nestes partidos, sobre todo pola tranquilidade que che dá. Afróntoo tranquilo porque o equipo está a traballar ben e creo que unha das claves fundamentais vai ser esa”, afirma esperanzado.

Julio Delgado tamén valorou o crecemento experimentado polo cadro dirixido por Chipi desde a chegada en xaneiro das brasileiras Júlia Melz e Camila Costa, recoñecida esta última por Futsal Planet como mellor xogadora do mundo en 2023. “Déronlle moita máis experiencia, teñen moita mellor saída de balón, Júlia é unha porteira que se move moi ben cos pés, que é unha cousa que imos ter moi en conta o xoves porque van facer moitas regresións e van atacar con ela. O equipo creceu moitísimo e déronlle moita máis madurez. Camila foi nomeada mellor xogadora do mundo o ano pasado e iso é por algo. Creo que tanto Camila, sobre todo ela dentro da pista, como Júlia na portería, son dous puntais que lles fixeron crecer. E cando che chegan este tipo de xogadoras a un equipo, xa non é só que mellore o grupo, senón que as que están ao redor melloran tamén moitísimo e nótase porque collen máis confianza, as dinámicas cambian e creo que deu un salto moi grande o equipo”, considera o estratego charro.

Finalmente, o técnico do Burela FS acepta o rol de favoritas. “Estou canso de dicir que sempre nos colgan a bitola de favorito e non vou dicir agora que non o somos porque estamos por encima na clasificación, temos máis experiencia que elas en finais, pero nós hai anos tamén nos atopamos nesta situación e unha vez arrincas isto é como todo. Se cadra podemos ter un puntiño máis en canto a experiencia e por aí poderemos ser un pouquiño máis favoritas, pero como digo, é unha final e creo que vai estar bastante disputada”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.12286996841431