Dous arqueiros do Iadovi de San Cibrao proclámanse campións na primeira tirada da Liga Galega de Sala

AMariñaXa
Santiago González e Jorge Álvarez acadaron o primeiro posto nas súas categorías, mentres Sergio López regresou á competición con novo ánimo
tiro-con-arco-as-pontes
28 Oct 2025

A primeira tirada da Liga Galega de Sala, celebrada esta fin de semana na localidade ourensá da Rúa, tivo un sabor moi especial para o club cervense Iadovi de San Cibrao. Tres dos seus arqueiros participaron na competición e dous deles regresaron á casa cun brillante primeiro posto nas súas respectivas categorías.

O sábado pola tarde foi a quenda do arqueiro da categoría espido Santiago González Villares, coñecido no ámbito deportivo como “Sargadelos”. O cervense realizou unha excelente actuación que lle permitiu coroarse campión con 518 puntos, unha marca 31 por enriba do segundo clasificado. Mostrou unha gran regularidade ao longo da tirada, cunha primeira parte de 260 puntos e unha segunda de 258, apenas dous menos, o que amosa o seu dominio e concentración.

Xa o domingo, foi a quenda de Jorge Álvarez Amor, arqueiro veterano da modalidade de composto, e de Sergio López Delantero “Chechu”, que competiu na categoría de recurvo sénior. Álvarez protagonizou outra destacada actuación para o Iadovi, logrando tamén o primeiro posto cun total de 565 puntos. A súa consistencia foi clave, cunha puntuación de 282 na primeira metade e 283 na segunda, practicamente idénticas. A súa vitoria non foi nada doada, xa que os seus principais rivais quedaron a só un punto de distancia, mais a concentración e a perseveranza permitíronlle manter o liderado ata o final.

Pola súa parte, Sergio López afrontaba o reto do regreso á categoría recurvo despois dun tempo afastado das competicións. Aínda que nesta ocasión non conseguiu o resultado esperado, rematando no noveno posto con 457 puntos, desde o club subliñan o seu esforzo e dedicación. “Hai momentos nos que non se pode dar o cento por cento, pero o importante é manter o compromiso e seguir adiante”, destacaron desde o Iadovi, confiando en que o deportista “atopará de novo o seu camiño competitivo”.

O balance xeral da xornada foi, en palabras do club, “moi positivo”, tanto polos resultados coma polo ambiente vivido. Os representantes de San Cibrao deixaron constancia, unha vez máis, do bo nivel do tiro con arco na Mariña e da sólida traxectoria do Iadovi nas competicións autonómicas.

⚙ Configurar cookies
0.074502944946289