Dores Fernández Abel: "Mentres haxa unha soa muller ameazada, coaccionada ou agredida na Mariña, a situación seguirá sendo alarmante"

AMariñaXa
A vicepresidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade alerta do repunte de comportamentos machistas entre a mocidade, denuncia a falta de recursos para atender as vítimas e reclama máis compromiso institucional
observatorio-mariña-igualdade-imaxe-protesta
22 Nov 2026

Por Ana Somoza.

A violencia machista continúa sendo unha realidade, malia os avances na concienciación social e os cambios experimentados nas últimas décadas. Así o considera Dores Fernández Abel, vicepresidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que ante a chegada dun novo 25N advirte de que non se pode considerar superado un problema que segue presente en todos os ámbitos. A súa análise combina a preocupación polas novas formas de control, especialmente entre a mocidade, coa denuncia das carencias dos servizos públicos e a necesidade dunha maior implicación colectiva.

Desde a entidade consideran que a violencia contra as mulleres non pode interpretarse como unha sucesión de casos illados. Fernández Abel lembra que se trata dun problema estrutural que tamén afecta á comarca e que moitas veces permanece oculto. "Normalmente estas violencias non son de dominio público, non se socializan", explica. O machismo continúa manifestándose de múltiples maneiras, desde o control psicolóxico e a violencia económica ata as agresións físicas e sexuais. Por iso, considera que non se pode baixar a garda mentres exista unha soa muller que viva ameazada ou agredida. "Mentres haxa unha soa muller ameazada, coaccionada ou agredida na nosa comarca, a situación seguirá sendo alarmante e requirirá unha resposta colectiva inmediata", afirma.

PREVENCIÓN.

A educación é unha das principais ferramentas para cambiar esta realidade, pero desde o Observatorio consideran que os esforzos realizados aínda non teñen a continuidade necesaria. Fernández Abel cuestiona que moitas campañas institucionais se concentren en períodos concretos ou en actividades puntuais, mentres que os modelos machistas se reproducen diariamente. "A socialización patriarcal funciona as 24 horas do día", lembra.

A vicepresidenta defende que a igualdade debe incorporarse de maneira transversal e permanente ao sistema educativo, desde infantil ata bacharelato, cunha formación afectivo-sexual integral. Na súa opinión, a prevención non pode depender de actividades illadas nos centros escolares. "A prevención non pode limitarse a obradoiros puntuais de dous días no instituto", advirte.

O traballo educativo tamén debe afrontar os estímulos que recibe a mocidade fóra das aulas. Fernández Abel cita determinadas industrias culturais, o acceso masivo á pornografía violenta a idades temperás e os discursos negacionistas como factores que favorecen a normalización da dominación e da submisión das mulleres.

MOCIDADE.

A análise das novas xeracións ofrece unha realidade contraditoria. Por unha banda, o Observatorio percibe que hai moitas mozas cunha maior conciencia feminista, que xa non aceptan determinados comportamentos nas súas relacións e que teñen expectativas vitais máis xustas. Porén, tamén detecta unha repunta de actitudes relacionadas coa posesividade e o control. "Os celos volven ser idealizados como 'probas de amor'", alerta Fernández Abel.

A vicepresidenta observa unha polarización entre unha parte da mocidade que avanzou na conciencia igualitaria e outra na que se consolidan posicións reaccionarias. Tamén chama a atención sobre a negación da violencia de xénero entre os mozos, cunha presenza proporcionalmente moito maior que entre as mozas.

As redes sociais engaden outra dimensión ao problema. A entidade considera que estas plataformas non crean o machismo, pero si funcionan como amplificadoras e como novos espazos para exercer o control. Esixir a xeolocalización da parella, comprobar a última hora de conexión, fiscalizar as fotografías que publica ou cuestionar os "gústame" que recibe son exemplos de comportamentos que trasladan a violencia ao ámbito dixital.

A isto súmase a difusión de discursos misóxinos a través dos algoritmos, que poden favorecer a viralización de mensaxes de odio. Segundo Fernández Abel, ideas que antes permanecían en espazos marxinais chegan agora directamente á mocidade da comarca.

COMPROMISO.

Fronte a esta situación, o Observatorio defende a educación, a cultura e a mobilización social como ferramentas complementarias. A primeira permite desenvolver o pensamento crítico; a cultura axuda a romper estereotipos e construír referentes alternativos; e a mobilización fai visible o conflito e reclama ás institucións que actúen.
Fernández Abel insiste en que o feminismo non pode quedar reducido ao debate teórico nin ás actividades organizadas arredor do 8M ou do 25N. "O feminismo non só se teoriza, senón que se habita nas rúas, nos espazos de lecer, no traballo, nos fogares e nas prazas da Mariña", defende.

A vicepresidenta tamén reclama romper coa percepción de que a violencia machista acontece lonxe ou afecta exclusivamente a mulleres con determinadas circunstancias. "A violencia machista non acontece 'noutro lugar' nin lle pasa 'a outro perfil de muller'", afirma. Pode producirse no lugar de traballo, nun establecemento habitual ou dentro das propias casas. Por iso, considera necesario que a cidadanía deixe de mirar para outro lado cando coñece ou presencia unha situación de abuso. O agresor pode ser alguén considerado exemplar no seu contorno e a vítima, calquera muller próxima.

Esta responsabilidade colectiva debe trasladarse tamén ás administracións. O Observatorio considera fundamental que os concellos manteñan políticas de igualdade durante todo o ano e non concentren os seus esforzos arredor das datas sinaladas. Fernández Abel critica as iniciativas que define como políticas de escaparate, centradas en fotografías, actos simbólicos ou lecturas de manifestos sen continuidade. "Os dereitos das mulleres e a súa seguridade non teñen data no calendario", lembra.

RECURSOS.

A vicepresidenta reclama que os concellos conten con orzamentos reais, persoal técnico estable e recursos suficientes para os Centros de Información á Muller (CIM). Tamén puntualiza que as competencias en prevención, atención e loita contra a violencia de xénero corresponden á Xunta de Galicia, mentres que os concellos xestionan maioritariamente os programas, ás veces con importantes carencias.

A situación das mulleres do rural e das que atravesan dificultades económicas e laborais merece unha atención específica. Fernández Abel explica que a falta de transporte público pode converterse nunha barreira para acceder aos recursos de apoio ou abandonar unha relación violenta. O illamento, a dependencia económica, a escaseza de alternativas laborais e a precariedade de sectores moi feminizados na comarca complican estes procesos.

Desde o Observatorio consideran que estas circunstancias non están suficientemente presentes no deseño das políticas públicas. Por iso, reclaman superar unha planificación baseada exclusivamente nunha perspectiva urbana e incorporar as particularidades territoriais e económicas. "Cómpre aplicar unha perspectiva rural e de clase de xeito urxente", sostén.

Entre as demandas máis inmediatas ás administracións figuran o compromiso orzamentario, a estabilidade profesional dos servizos de atención e a descentralización dos recursos. A entidade considera que non se pode permitir que o mantemento de servizos esenciais dependa de subvencións anuais que tardan en chegar.
Fernández Abel tamén reclama xulgados específicos ou dotados de medios adecuados na comarca para evitar que as mulleres teñan que desprazarse a Lugo en condicións difíciles. Considera que estes traslados poden provocar unha nova situación de sufrimento para as vítimas. A súa mensaxe ás administracións é clara: "Menos discursos e máis recursos públicos de calidade no territorio".

NEGACIONISMO.

O avance dos discursos que cuestionan ou relativizan a existencia da violencia machista é outra das preocupacións do Observatorio. Fernández Abel advirte de que A Mariña non é unha illa allea a esta tendencia e que as mensaxes da extrema dereita e o negacionismo de xénero tamén penetraron na comarca, ás veces camuflados de rebeldía ou acompañados de bulos nas redes sociais.

A vicepresidenta teme que a normalización destas mensaxes aumente o illamento das vítimas e dificulte que atopen comprensión social e institucional. Fronte a esta reacción, reclama "máis feminismo, máis rigor e máis unión comunitaria".

A súa valoración dos avances cara á igualdade combina elementos positivos e preocupacións. Recoñece progresos lexislativos e unha maior presenza no debate público de cuestións como o consentimento ou a saúde sexual. Porén, identifica retrocesos na violencia dixital, na polarización dalgúns sectores novos e na normalización de mensaxes machistas en determinados espazos políticos. "O progreso non é unha liña recta", lembra, e advirte de que os dereitos conquistados poden perderse se non se defenden activamente.

A pregunta sobre que debería cambiar inmediatamente na Mariña para avanzar na prevención ten para Fernández Abel unha resposta clara: a implicación dos homes. Considera que a loita contra a violencia machista non pode seguir sendo unha responsabilidade que recaia fundamentalmente sobre as mulleres. Reclama que os homes cuestionen as condutas machistas dos seus amigos, renuncien aos privilexios patriarcais e rompan o silencio que permite encubrir situacións de abuso.
"A violencia machista non é un 'problema de mulleres'; é un problema dos homes que a exercen e da sociedade que a tolera co seu silencio", afirma.

A vicepresidenta remata cunha mensaxe para as mulleres que están sufrindo violencia pero aínda non se atreven a pedir axuda. Recoñece que o medo pode paralizar e que dar o primeiro paso resulta moi difícil, pero insiste en que ningunha vítima debe sentirse culpable nin afrontar ese proceso en soidade. Asegura que existen profesionais e redes feministas dispostas a escoitar sen xulgar, sen apremar e respectando os tempos de cada muller. "Non está soa e a culpa de todo o que está vivindo xamais será dela", traslada.

0.15842390060425