Dobre presenza do Iadovi no peche da liga galega de tiro con arco en Corme

Corme acolleu o quinto e derradeiro torneo da Liga Galega de tiro con arco en modalidade de sala, unha cita que coincidiu tamén coa disputa do Campionato Galego. Ata alí desprazáronse os representantes do Club de Tiro con Arco Iadovi de San Cibrao, Santiago González Villares e Jorge Álvarez Amor, que volveron demostrar o bo momento deportivo da entidade cun destacado balance de resultados.
O sábado foi a quenda de Santiago González na modalidade de arco espido unificado. Durante a sesión clasificatoria da mañá, o arqueiro cervense asinou un segundo posto cun total de 494 puntos, unha marca inferior á habitual debido a unha lesión no ombreiro que condicionou o seu rendemento. A pesar diso, o resultado non lle impediu asegurarse matematicamente a medalla de ouro da liga galega, xa que chegaba a esta última proba co título practicamente decidido tras a cuarta tirada.
Lonxe de conformarse, pola tarde afrontou con ambición as eliminatorias correspondentes ao Campionato Galego. Nos cuartos de final impúxose por 7-1 a Carmen Figueroa, do Arco Trasno, nun duelo no que soubo manter a calma a pesar dalgunhas series irregulares. Xa en semifinais, mediuse ao seu amigo e tocayo Santiago Soneira, do AD Su A Agra, nun enfrontamento moi igualado que se resolveu nunha frecha de desempate. Nesta ocasión, a balanza caeu do lado de Soneira por unha mínima diferenza, deixando a González na loita polo bronce.
No último duelo da xornada, o arqueiro do Iadovi enfrontouse a Luis Miguel Suárez González, do club Lumelar. O combate foi novamente moi axustado e decidiuse na derradeira tirada, na que Santiago González conseguiu impoñerse e asegurar unha medalla de bronce que lle permitiu pechar unha notable tempada en Galicia antes de afrontar os próximos compromisos a nivel estatal.
O domingo tomou o relevo Jorge Álvarez Amor na modalidade de arco composto +50. Na fase clasificatoria da mañá, o deportista do Iadovi mostrou unha gran regularidade, acadando o terceiro posto cun total de 555 puntos, con escasa variación entre ambas metades da tirada. Ese resultado serviulle para proclamarse subcampión da liga galega, colgándose a medalla de prata tras unha competición moi disputada.
Xa pola tarde, nas eliminatorias do Campionato Galego, Jorge Álvarez mantivo unha actitude claramente competitiva. Nos cuartos de final superou a Manuel Martín Ingelmo, do Arc Teixo, cunha puntuación final de 141 fronte aos 137 do seu rival, tras un duelo no que foi ampliando a súa vantaxe progresivamente. En semifinais enfrontouse a Ramón Iglesias Muiños, de Meigarco, quen amosou unha extraordinaria estabilidade e acabou impoñéndose por 139 a 136, relegando ao arqueiro cervense á loita polo bronce.
No último encontro do campionato, Jorge Álvarez reencontrouse co seu rival da liga, Daniel Motto Acosta, do Archers Team. Nun duelo moi intenso e emocionante, no que ningún dos dous deu unha frecha por perdida, o arqueiro do Iadovi logrou rehacerse da derrota anterior e asinou unha brillante actuación, vencendo por 140 a 139 e asegurando así a medalla de bronce no Campionato Galego.