Dobre éxito para o Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo en Banyoles e Verducido

AMariñaXa
Elena González e Manuela Lastra proclamáronse campioas de España de Maratón mentres os infantís brillaban na liga galega
Altruan-Elena-e-Manuela-abril-2025
28 Apr 2025

O Club de Piragüismo Altruán viviu unha fin de semana histórica, sumando éxitos en dous escenarios moi afastados entre si. En Banyoles, na provincia de Xirona, Elena González e Manuela Lastra lograron o título de campioas de España de Maratón en K2 cadete, un triunfo que confirma a progresión das dúas deportistas e a aposta do club pola formación de alto nivel.

Mentres tanto, en Verducido, Pontevedra, o club ribadense tamén deixou pegada na regata da Liga Galega Infantil. Carlota Pérez asinou unha gran actuación na categoría Muller Infantil B K1, conseguindo o segundo posto. Na mesma competición, Mateo López proclamouse vencedor en Home Infantil B K1, mentres que os seus compañeiros Anxo Dopico e Teo Gómez remataron no 18º e 42º posto, respectivamente. A categoría Muller Infantil A K1 tivo como protagonista a Judith Fraiz, que subiu ao terceiro chanzo do podio, e na categoría Home Infantil A K1 Martín Feijoo acadou o primeiro posto, completando outra xornada memorable para o club. Anxo Fernández, pola súa parte, foi 21º nesta mesma proba.

Na clasificación por clubs, o Altruán logrou a sétima posición en Infantil Masculino e a décimo sexta en Infantil Feminino, confirmando o bo momento de forma da súa base deportiva e o seu papel como referente na formación de novos talentos.

⚙ Configurar cookies
0.16639494895935