Diferentes profesionais cítanse arredor da gastronomía na Mariña
A deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas e alcaldesa de Burela, Carmela López, participa no auditorio da Fábrica de Sargadelos, en Cervo, na inauguración de 'AMODO: Conversas arredor da gastronomía na Mariña'. Unha cita coa que colabora a institución provincial -no marco da achega anual de 25.000 euros destinada á Mancomunidade de Municipios da Mariña para a promoción turística do territorio- e que reúne a expertos da cociña, a comunicación e dos viños de todo o país.
“Resulta evidente o peso da gastronomía nesta oferta turística”, sinalou a deputada, para quen “a colaboración entre o tecido produtivo, o comercio, o turismo e a hostalaría xera sinerxías moi positivas” en termos de emprego, desenvolvemento e promoción turística e valorou que é imprescindible seguir dando pasos “que poñan á nosa comarca á bandeira do turismo que nós cualificamos como slow”.
Xunto á deputada, tamén inaugurou estas xornadas a presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Lourenzá, Rocío López. Na programación prevista para hoxe participan, entre outros, o director do mestrado de turismo gastronómico do Basque Culinary Center de San Sebastián, David Mora; o fundador do Fórum Gastronòmic de Barcelona, Pep Palau; a directora de The Foodie Studies, Yanet Acosta; a cociñeira Lucía Freitas; ou a escritora e xornalista Rosa Molinero.