Diego As será o pregoeiro da Festa da Troita da Pontenova 2026

A Festa da Troita da Pontenova 2026 contará cun pregoeiro moi especial: o artista urbano Diego As, un dos muralistas galegos de maior proxección nacional e internacional, vencellado de maneira directa á imaxe máis recoñecible desta celebración. O seu nome súmase así ao dunha festa que combina gastronomía, cultura e orgullo local, reforzando o seu carácter singular.
Natural de Lugo, Diego As iniciou a súa traxectoria artística de maneira espontánea, pintando nos muros do seu barrio como unha forma de expresión compartida cos amigos e sen máis ambición que desfrutar do proceso creativo. Co paso do tempo, aquela paixón inicial levouno a formarse na Escola de Artes de Lugo, onde ampliou coñecementos en disciplinas como a serigrafía, o gravado ou a estampación.
O punto de inflexión da súa carreira chegou coa realización do mural “Julio César”, situado xunto á muralla romana de Lugo, unha obra que acadou gran repercusión mediática e marcou o inicio dunha etapa de traballos en cidades de distintos países e continentes. Dende entón, Diego As converteuse nun referente do muralismo en gran formato, cun estilo recoñecible que transforma espazos urbanos grises en auténticos lenzos cheos de cor, simbolismo e mensaxes vitais.
A súa vinculación coa Pontenova é especialmente significativa, xa que foi o autor da intervención artística que deu vida á Troita da vila, inaugurada durante a Festa da Troita de 2024. Trátase dunha escultura de preto de nove metros de lonxitude, realizada a escala real dunha troita, que se converteu nun dos símbolos máis fotografados e recoñecibles do municipio, pois é a escultura da troita máis grande do mundo.
Ao longo da súa traxectoria, Diego As recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o Premio Lucense do Ano 2021 outorgado por El Progreso, o galardón ao mellor graffiti do mes de agosto de 2021 na plataforma Street Art Cities, ou o primeiro premio en Amarte Burela 2019. Estes e outros premios consolidan unha carreira marcada pola creatividade, a constancia e a capacidade de conectar coa contorna.
Coa súa elección como pregoeiro, a Festa da Troita da Pontenova 2026 aposta por unir tradición e arte contemporánea da man dun creador que xa forma parte da identidade visual e cultural da vila.