Dez xogadoras renovan co Burela feminino

AMariñaXa
As 10 xogadoras formaron parte esencial do equipo que a tempada pasada logrou sumar ao seu amplo palmarés a sexta Liga
Ana-Eliza
Ana Eliza. Foto de Sabela Blanco e Manu Gil
8 Ago 2024

Dany, Irene Samper, Antía Pérez, Emilly, Caridad, Cami, Noelia Montoro, Patricia, Rafinha e Ana Eliza son as 10 xogadoras que renovaron o seu contrato para conformar o cadro do técnico salmantino Julio Delgado na tempada 2024/2025. As 10 xogadoras formaron parte esencial do equipo que a tempada pasada logrou sumar ao seu amplo palmarés a sexta Liga e a sexta Supercopa.

Un equipo unido que demostrou o seu entendemento e determinación en pista nunha tempada case perfecta na que remataron primeiras na clasificación con 80 puntos, 26 vitorias, 2 empates e 2 derrotas. Con 123 goles a favor e 52 en contra, dos que a terceira máxima goleadora da liga, Emilly, foi autora de 27 deles, seguida de Irene Samper, na 4ª posición da táboa de goleadoras, con 25.

Un proxecto para este ano no que Julio Delgado demostra a súa confianza no seu equipo vixente, manténdoo na medida do posible e xerando esa seguridade que lle proporcionou toda a pasada tempada un persoal moi completo, con xogo e gol.

O equipo feminino do Pescados Rubén Burela FS, que comeza a liga o día 7 de setembro enfrontándose ao Lainco Rubí FS en Rubí (Catalunya) xa comezou esta semana a pretemporada cos primeiros adestramentos e primeiras tomas de contacto tras as vacacións, esperando completar o seu equipo nestes días nos que van chegando as xogadoras a Burela.

0.16466808319092