Dez asociacións veciñais da Mariña reciben 71.000 euros para mellorar os seus locais sociais

Un total de dez asociacións veciñais da Mariña recibirán este ano 71.000 euros para executar melloras nos seus locais sociais. As achegas proceden da orde anual de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinada a apoiar o funcionamento destas entidades e a adecuación dos espazos nos que desenvolven a súa actividade.
Entre os colectivos beneficiarios atópase a asociación O San Miguel, do Vicedo, que contará cunha achega de 12.000 euros para acondicionar o interior da súa sede, situada no lugar de Mosteiro.
A actuación permitirá recuperar para o uso habitual unha estancia que actualmente conserva o acabado de obra e que, debido ao seu estado, se emprega fundamentalmente como almacén. A intervención busca ampliar a superficie dispoñible para organizar actividades e mellorar o confort do local.
Os traballos previstos inclúen o revestimento e pintado das paredes, a instalación de tarima no chan e a renovación do sistema eléctrico. Deste xeito, o colectivo poderá incorporar este espazo á programación que desenvolve ao longo do ano.
O San Miguel conta cunha traxectoria de catro décadas e reúne a máis de 80 familias da parroquia de San Miguel de Negradas. Villares destacou o dinamismo da asociación e a utilización continuada das instalacións tanto para actividades no interior como para iniciativas ao aire libre.
Entre as propostas que promove o colectivo figuran clases de pilates, obradoiros de memoria e estimulación física, representacións teatrais e diferentes iniciativas culturais, didácticas e de lecer.
O delegado territorial destacou tamén o papel das asociacións veciñais como puntos de encontro e como axentes dinamizadores, especialmente nos municipios rurais, onde contribúen a manter a actividade social e favorecer a convivencia entre a veciñanza.
Os 71.000 euros concedidos na Mariña permitirán financiar actuacións en dez entidades. Ademais do proxecto do Vicedo, a convocatoria inclúe iniciativas promovidas por asociacións de Ribadeo, Foz, O Valadouro, A Pontenova e Alfoz.