Despois do xunco

Por Rebeca Maseda
Hai libros que rematan na última páxina e outros que continúan habitando en nós durante semanas, incluso meses. Libros que, ao pechalos, deixan unha sensación estraña, unha mestura de gratitude e melancolía. Gratitude pola viaxe compartida. Melancolía porque sabemos que será difícil atopar algo que provoque unha emoción semellante. Onte mesmo rematei de ler “El infinito en un junco”, de Irene Vallejo, e quedei precisamente con esa sensación.
Que terá este libro para ter conquistado a millóns de lectores/as en todo o mundo? A primeira vista, podería parecer un ensaio máis sobre a historia dos libros. Mais sería unha descrición demasiado simple e, sobre todo, inxusta. Porque “El infinito en un junco” é moitas cousas ao mesmo tempo: unha homenaxe á lectura, unha viaxe pola historia da humanidade, unha reflexión sobre a memoria e tamén, por momentos, unha auténtica novela de aventuras.
Irene Vallejo, nada en Zaragoza en 1979, é doutora en Filoloxía Clásica e unha das voces máis destacadas da literatura española contemporánea. Ademais de colaborar habitualmente en prensa e divulgar o mundo clásico cun talento extraordinario, é autora de novelas como” La luz sepultada”, “El silbido del arquero” ou “Alguien habló de nosotros”, así como de diversas obras infantís e ensaísticas. Con “El infinito en un junco” acadou un éxito sen precedentes: traducida a decenas de linguas e galardoada con importantes premios, a obra converteuse nun fenómeno internacional que logrou algo case imposible nos tempos actuais: converter un ensaio sobre os libros nun auténtico bestseller.
Quizais o segredo resida na súa maneira de contar. Vallejo non se limita a expoñer datos nin a construír un discurso académico. Pola contra, convídanos a percorrer os camiños do mundo antigo, a navegar polo Mediterráneo, a entrar nas bibliotecas desaparecidas, a acompañar escribas, filósofos, copistas e lectores anónimos que, ao longo dos séculos, fixeron posible que as historias sobrevivisen ao tempo. Cada capítulo abre unha porta diferente. Cada páxina conduce a unha nova descuberta.
Por iso, mentres avanzaba na lectura, tiven a impresión de estar ante unha especie de novela de aventuras disfrazada de ensaio. A autora lévanos de Alexandría a Roma, dos papiros aos códices, das fogueiras que destruíron bibliotecas ás persoas que arriscaron todo para salvar manuscritos. Hai emoción, intriga, curiosidade e unha profunda admiración por esa cadea humana que permitiu que as palabras atravesasen os séculos para chegar ata nós.
E talvez por iso tamén resulta tan complicado escoller unha nova lectura cando se remata un libro así. Unha parte de nós quere continuar naquel universo. Miramos os
andeis da biblioteca, repasamos títulos pendentes, lemos contraportadas, pero ningún parece estar á altura do que acabamos de experimentar. É unha sensación coñecida por calquera lector/a habitual: ese pequeno baleiro que deixa unha gran historia cando chega ao seu final.
Por sorte, os libros tamén nos ensinan que cada despedida agocha un novo comezo. Sempre hai outra voz agardando. Outra aventura. Outra pregunta sen resposta. Porque ler é moito máis que pasar páxinas. É descubrir vidas alleas e, ao mesmo tempo, comprender un pouco mellor a propia. É viaxar sen abandonar o sofá da casa. É conversar con persoas que viviron hai vinte séculos ou que escribiron ao outro lado do planeta. É atopar consolo, inspiración, compañía. Nun mundo que ás veces parece empeñado en facernos correr sen descanso, os libros continúan ofrecendo un espazo de encontro e de silencio. Un refuxio. Unha forma de resistencia. Nunca estamos completamente sós cun libro entre as mans.
Entre as súas páxinas agardan miles de voces, miles de mundos e miles de posibilidades. E talvez ese sexa o verdadeiro infinito do que fala Irene Vallejo: non o dos papiros nin o das bibliotecas, senón o das historias que nos acompañan, nos transforman e permanecen connosco moito despois de pechar o libro.