Desde o BNG destacan o traballo desenvolvido polo sector da faba en Lourenzá e comarca

AMariñaXa
Os nacionalistas expuxeron tamén a necesidade de que no centro das políticas agrarias estean as persoas que viven no medio rural
Festa-da-Faba-de-Lourenzá-BNG
6 Oct 2024

A deputada Sonia Vidal, responsable no grupo parlamentario do BNG dos temas de Agricultura, Gandeiria e Industrias Agroalimentarias; e o deputado de Medio Rural da Deputación de Lugo, Daniel García, xunto co parlamentario mariñao Daniel Castro, o responsable comarcal do BNG Antonio Veiga, representantes do partido en Lourenzá coa concelleira Belén Fanego e o responsable local Anxo Fernández á cabeza participaron da Festa da Faba e mantiveron conversas con produtores e produtoras e cos responsables da IXP Faba de Lourenzá e da cooperativa Terras da Mariña, cos que puideron contrastar a situación de produtores e produtoras nun ano complexo como foi este.

Desde o BNG destacan o traballo desenvolvido polo sector da faba en Lourenzá e comarca, e inciden en que as políticas para o medio rural tenen que ser  estratéxicas "porque son pezas fundamentais para manter a producción de alimentos e aseguran o maior grao posible de soberanía alimentar e serven para avanzar na garantía dunha alimentación saudable para a sociedade, ao mesmo tempo que son parte dun proxecto de ordenación do territorio necesario para o conxunto do noso país”, manifestou Sonia Vidal.

E engadiu que o traballo ao longo destes anos dos produtores e produtoras, da cooperativa e de integrantes da IXP "deu os seus frutos en moitos ámbitos, coma no cumprimento de obxectivos de desenvolvemento sostible, entre eles a creación de emprego, nunha comarca que leva unha década marcada pola constante sangría de perda de postos de traballo, agravada pola crise industrial e o imprevisible futuro que lle agarda a sectores coma a pesca".

Para o BNG e no que ten a ver co Plano Estratéxico da PAC do período 2021-2027, "é necesario asegurar niveis de renda dignos á producción agraria e estabilizar os mercados dos produtos agrarios e equilibrar as relacións entre os axentes da cadea agroalimentaria, así como reducir os desequilibrios existentes na agricultura comunitaria posiblitando que as áreas perféricas coma Galicia poidan desenvolver a súa capacidade produtiva".

Os nacionalistas expuxeron tamén a necesidade de que no centro das políticas agrarias estean as persoas que viven no medio rural, nomeadamente as que traballan no sector agrario, para que obteñan niveis de renda, recoñecemento social e servizos que lles permitan vivir dignamente.

0.16230082511902