Deputación e Concello de Viveiro asinan un acordo para dotar á vila "de máis e mellores servizos"
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, asinaron un acordo a través do que a institución provincial destina 200.000 euros para que Concello de Viveiro ofreza máis e mellores servizos públicos aos veciños e veciñas da cidade do Landro.
Tomé Roca subliñou que esta colaboración económica con Viveiro é unha nova mostra do compromiso “que temos na Deputación co Concello e cos seus veciños e veciñas”, e que, sumada a outros investimentos, como o realizado a través do Plan Único, reafirma o papel da institución provincial como “Concello dos Concellos”.
Loureiro agradeceu o acordo á institución provincial e puxo en valor que a “Deputación de Lugo, coma sempre, mira polos veciños e veciñas de Viveiro, neste caso dunha maneira fundamental porque nos permite axilizar e facer fronte dende o Concello á contratación de servizos públicos, de mantemento e de dinamización social, cultural e deportiva que son primordiais para o día a día no noso municipio”.
En concreto, os fondos servirán para a dinamización da estratexia turística de Viveiro, con accións como o reforzo da información e a potenciación das rutas turísticas. Tamén para a contratación de concertos para as festas patronais e para o alugueiro de escenarios para as actuacións e eventos culturais e deportivos que de maneira recorrente acolle a localidade.
Así mesmo, con esta axuda o Concello tamén sufragará os labores de mantemento de diversos servizos públicos, como é o caso do cemiterio municipal ou da praza de abastos, ademais da mellora do alumeado público e do servizo de podas.