"Deixamos unha parte das nosas vidas": Xuventudes Chilindrinas deixa as festas de Celeiro

A Asociación Xuventudes Chilindrinas decidiu deixar a organización das festas de Celeiro despois de tres anos á fronte da preparación das celebracións. O colectivo comunicou a decisión a través dun escrito no que recoñece que se trata dun paso "difícil" e marcado pola tristeza, pero tamén pola necesidade de poñer fin a unha etapa que supuxo un importante esforzo persoal para as persoas implicadas.
"Despois de tres anos ao fronte da organización das festas de Celeiro, tomamos a decisión de deixalo", explica a asociación. Segundo sinala, durante este tempo o traballo desenvolvido foi moito máis alá dos propios días de celebración, xa que implicou meses de preparación, chamadas, reunións, resolución de problemas e numerosas horas dedicadas a intentar que cada edición saíse adiante.
O colectivo destaca especialmente o desgaste mental derivado desta responsabilidade. "Non é cansazo físico. É cansazo mental", apunta, ao referirse á necesidade de manter durante meses a preocupación constante por todo o que quedaba por resolver, os posibles problemas e a maneira de conseguir que todos os elementos das festas encaixasen.
A asociación recoñece que durante estes tres anos houbo dificultades e que, segundo a súa valoración, non sempre contou co apoio e a colaboración que consideraba necesarios. A pesar diso, asegura que decidiu continuar polo "cariño por Celeiro e polas súas festas" e polo obxectivo de manter unhas celebracións que permitisen á veciñanza reunirse, desfrutar e compartir uns días de encontro.
"Intentamos que, pese ás dificultades e pese a non contar co apoio e a axuda suficiente, Celeiro seguise tendo uns días para reunirse, desfrutar, bailar, rir e sentirse orgulloso do seu", sinala a asociación no seu comunicado.

Agora, Xuventudes Chilindrinas considera que chegou o momento de parar e facilitar o relevo. O colectivo entende que a organización non pode continuar recaendo nas mesmas poucas persoas e aposta por que outras persoas ou grupos poidan asumir o traballo con novas forzas.
"Chega un momento no que un se dá conta de que non pode seguir sostendo todo sobre as mesmas poucas persoas", explican. A asociación engade que as ganas poden continuar presentes, pero que sen a axuda e a colaboración necesarias resulta cada vez máis complicado manter o nivel de dedicación que require a preparación das festas.
A despedida está acompañada por un agradecemento a todas as persoas que colaboraron durante estes anos. Xuventudes Chilindrinas dá as grazas a quen participou na organización, a quen confiou no colectivo e tamén a quen soubo valorar o esforzo que existe detrás dunha celebración deste tipo.
"Gracias a quen estivo. Gracias a quen axudou. Gracias a quen confiou", recolle o comunicado, que dedica tamén un agradecemento especial ás persoas que participaron nas festas e fixeron que o traballo realizado merecese a pena.
A asociación asegura que marcha cos bos recordos acumulados durante estes tres anos: as risas, os nervios previos a cada celebración, os problemas que conseguiron solucionar e os momentos compartidos ao longo da preparación e desenvolvemento das festas.
"Marchamos co corazón encollido, pero coa tranquilidade de saber que o intentamos", afirma o colectivo, que considera que durante este tempo fixo todo o posible para sacar adiante as celebracións.
Agora, Xuventudes Chilindrinas deixa aberta a porta a un novo relevo e expresa o seu desexo de que outras persoas recollan o testemuño e continúen coa organización das festas de Celeiro.
"Oxalá alguén recolla o testemuño e poida seguir facendo que Celeiro teña as festas que merece", conclúe a asociación, que se despide agradecendo estes tres anos e asegurando que, a pesar da tristeza pola decisión, queda coa satisfacción de ter dado todo o que estaba nas súas mans.