Declarado un incendio en Monfero e Guitiriz e outro en Ourol

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 19,00 horas de hoxe.
Permanece activo un incendio forestal no concello coruñés de Monfero, parroquia do Alto de Xestoso, rexistrado hoxe ás 14,26 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas, parte delas no municipio lucense de Guitiriz. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 8 axentes, 12 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións. O Concello de Monfero tamén presta axuda aportando unha cisterna de auga como punto de recarga das motobombas.
Outro incendio declarouse este mércores no municipio lucense de Ourol afectando xa unha superficie estimada de sete hectáreas, segundo as primeiras valoracións provisionais.
O lume iniciouse ás 13.35 horas na parroquia de Merille. Para a súa extinción despregouse un amplo operativo integrado por dous técnicos, tres axentes, sete brigadas, seis motobombas, dúas pas, tres helicópteros e dous avións, que traballan para controlar o avance das lapas.
Por outra banda, segue estabilizado, desde as 22,26 horas de onte, o incendio do concello de Taboada, parroquia de Insua, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 40 hectáreas. Para a extinción deste incendio, orixinado ás 16,44 deste martes, mobilizáronse, polo de agora, de xeito acumulado, 4 técnicos, 14 axentes, 29 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 6 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.