De Burela a Madrid para destacar o valor dos seus produtos pesqueiros

AMariñaXa
A xornada na Casa de Galicia en Madrid concluíu coa degustación gastronómica 'Peixe de Burela'
241217_OPP7_7521-burela
17 Dec 2024

Tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid un acto de presentación, posto en marcha pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) para poñer en valor a relevancia do sector pesqueiro local e promocionar as súas especies estrela, como a pescada de pincho, o bonito do norte e o peixe espada. A iniciativa, celebrada baixo o lema “Amor ao Mar”, serviu tamén para destacar a sustentabilidade e calidade dos produtos pesqueiros de Burela.

O acto contou coa presenza do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, quen destacou a importancia de promocionar os produtos pesqueiros galegos máis alá da comunidade autónoma. Ademais, puxo en valor as accións impulsadas pola OPP-7 no marco do plan anual de produción e comercialización, cofinanciado pola Xunta de Galicia, que buscan mellorar a trazabilidade dos produtos e ofrecer aos consumidores información clara e completa.

O director da Casa de Galicia, Luis Ramos, deu a benvida aos asistentes e cedeu a palabra ao xerente da OPP Burela, Sergio López, quen fixo un percorrido pola importancia histórica e actual do porto de Burela dentro do sector pesqueiro. López presentou as diferentes frotas que integran a organización e repasou as campañas promocionais desenvolvidas nos últimos anos. Pezas que destacan a orixe do produto, a súa calidade gastronómica, as súas propiedades saudables e a sustentabilidade das artes de pesca. Ademais, resaltou a variedade de públicos aos que se dirixen, desde a divulgación entre os máis novos ata o fomento do consumo entre os adultos maiores.

Durante o evento, presentouse un avance do documental 'Valor da Pesca en Burela', que recolle testemuños de mariñeiros de diversas orixes e experiencias, poñendo en valor o oficio pesqueiro e o impacto socioeconómico que o sector xerou en Burela ao longo de décadas.

O acto tamén serviu como escenario para a presentación oficial do novo calendario da OPP Burela para o ano 2025, que volve apostar polos seus coñecidos 'Pescados Capitales', dedicando cada mes a unha das principais especies que representan ás súas frotas.

A xornada concluíu cunha degustación gastronómica 'Peixe de Burela', na que os asistentes tiveron a oportunidade de probar receitas elaboradas con pescada de pincho, bonito do norte e peixe espada das frotas de Burela. A preparación correu a cargo do chef galego Miguel Vidal, do restaurante Morgana en Madrid.

 

 

 

0.16649007797241