David Mariño gaña o XII Concurso de Fotografía Medioambiental de Xove

O Concello de Xove xa deu a coñecer os nomes das persoas gañadoras do XII Concurso de Fotografía Medioambiental "Xove, a súa costa e o seu mar", unha iniciativa coa que busca divulgar e poñer en valor a riqueza paisaxística, natural e mariñeira do municipio a través da fotografía.
O primeiro premio, dotado con 120 euros, foi para David Mariño Bouza pola imaxe "Entre as rocas de Morás". O segundo posto, cunha recompensa de 100 euros, correspondeulle a Miguel Díaz Gallego pola fotografía "Noche Fugaz", mentres que Diego Pérez Fernández conseguiu o terceiro galardón, de 90 euros, con "Astro Rey sobre Roncadoira".
A relación de premiados complétase con Alberto Rapa Martínez, que obtivo o cuarto premio, de 75 euros, pola fotografía "Guía Polar", e Mateo Guerreiro Rodríguez, quinto clasificado, que recibirá 65 euros pola súa obra "Remata o eclipse e comeza a xornada".
A entrega dos recoñecementos terá lugar o martes 17 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa do Concello de Xove. O goberno local convidou as persoas premiadas a participar no acto, no que se porá en valor o traballo e a creatividade das persoas participantes nesta edición.
O certame alcanza así a súa duodécima convocatoria mantendo o propósito de mostrar os atractivos ambientais e paisaxísticos de Xove desde diferentes perspectivas. O Concello tamén agradeceu a participación de todas as persoas que concorreron ao concurso e contribuíron a dar a coñecer a costa, o mar e a paisaxe do municipio.