Darío Campos renova a maioría na Pontenova
A Pontenova conta cunha ampla traxectoria socialista, así se demostrou nestas eleccións, onde o actual alcalde, Darío Campos, revalidou o mandato.
O actual alcalde pontenovés Darío Campos revalida a confianza dos seus veciños. Darío Campos leva á fronte do Goberno da Pontenova dende o ano 2007 e dende entón o concello “cambiou moito, fíxose un cambio na fisionomía do pobo en moitos sentidos e hoxe presenta unha imaxe renovada, con beirarrúas renovadas, vías de comunicación novas e moitos proxectos realizados que melloran o día a día dos veciños e veciñas”.
“Ao longo destes anos tivemos a oportunidade de priorizar novos proxectos que contribuíron a realzar a nosa vila, como por exemplo o acondicionamento do encauzamento do río e as obras na Praza dos Fornos, así como o impulso doutros recursos educativos e culturais, como a Escola de Música e a de Teatro e tamén a posta en marcha do PAI, pero aínda nos quedan moitas propostas que realizar. Por iso, queremos seguir camiñando nesta senda de crecemento”, subliñou.
Agora que volveu gañar as eleccións, Campos aspira a facer e rematar moitos dos seus proxectos principais, como abrir o novo Centro de Atención a Maiores, que dará resposta a “unha das necesidades sociais máis grandes que temos hoxe na localidade”, pero tamén levar a cabo unha iniciativa de tipo turístico, a ferrería de Bogo.
CONCELLEIROS ELECTOS
- Darío Campos Conde PSOE
- Isabel Couto González PSOE
- Francisco Martínez Bermúdez PSOE
- Manuel Alonso Lopez PSOE
- Francisco Javier Rois Freijo PSOE
- Jesus Cabodevila Fernandez PSOE
- María José Canto Seijo PSOE
- Concepción Novo Mourelle PP
- Sonia Fernández Vidal PP
- Eleuterio Labandera Rodríguez PP
- Xorxe Gómez Rico BNG
Campos explica que a residencia pública na Chousa de Abaixo de Vilaoudriz, “quedará rematada nun ano” e puxo o foco en que funcionará seguindo un modelo propio que ten a institución provincial, que radica en ser centros de pequeno tamaño e cunha atención de alta calidade moi próxima á xente. “Queremos que as nosas persoas maiores queden a vivir preto da casa e dos seus veciños, evitando ante todo que teñan que marchar lonxe de aquí e, a maiores, esta residencia creará novos postos de traballo na Pontenova”.
Entre as súas prioridades para o próximo mandato atópase a restauración da Ferrería de Bogo, continuar mellorando as vías de comunicación ou contar con banda ancha en todo o termo municipal.
Pola contra, o PP representado por Concepción Novo conseguiu 3 escanos e trasladou os seus agradecementos aos veciños pola confianza e sinalou que “temos moita ilusión por ver mellorar o noso pobo”.
O BNG mantén o seu edil con Xorxe Gómez Rico, que rexenta un negocio de perruquería na localidade e foi segundo na lista nos anteriores comicios.