Daniel Moirón continuará á fronte do Ribadeo FC ata final de tempada

O Ribadeo FC decidiu manter a Daniel Moirón como adestrador do primeiro equipo ata o remate da presente tempada. O técnico de A Pontenova asumira recentemente a dirección do conxunto ribadense tras a saída de Diego Bermúdez e, logo de catro xornadas ao mando, o club opta por dar estabilidade ao proxecto deportivo.
A decisión chega despois da mellora no rendemento do equipo e coa intención de evitar novos cambios no banco que poidan alterar a dinámica do vestiario. Desde a entidade consideran que a continuidade de Moirón é a opción máis axeitada neste momento da competición, tanto polos resultados como polo coñecemento que o técnico ten do club e da categoría.
Daniel Moirón conta cunha ampla traxectoria no fútbol da comarca. Ademais da súa etapa actual, xa dirixira ao Ribadeo FC en Preferente entre os anos 2021 e 2024, acumulando tamén experiencia á fronte do Santaballés e do Sporting Pontenova. Ese percorrido previo foi un dos factores tidos en conta pola directiva á hora de tomar a decisión.
Desde o club explican que a determinación se adoptou de maneira consensuada e sempre pensando no ben do equipo. Segundo sinalan, trátase dunha aposta pola estabilidade nun contexto complexo e ante as dificultades existentes para incorporar un novo técnico no tramo final da tempada.
FALAMOS CON DANIEL MOIRÓN

Finalmente seguirá á fronte do Ribadeo FC ata o final da tempada. Como se sente persoalmente ante este reto?
Ao principio fíxoseme un pouco estraño, porque levaba tempo sen adestrar e collín isto como algo puntual. Co paso das semanas funme sentindo cada vez máis cómodo e agora estou ilusionado e con moitas ganas de facer as cousas ben. O apoio dos xogadores e tamén da directiva foi clave para dar o paso e decidir continuar. Sentín confianza desde o primeiro momento, e iso sempre axuda.
Como atopou ao equipo no plano anímico nestas últimas semanas e que ambiente se respira no vestiario?
O equipo está ben animicamente, moi contento e con moitas ganas. No vestiario respírase ilusión e ambición, e hai somos un grupo que quere pelexar polos postos de promoción de ascenso. Iso é importante, porque cando hai bo ambiente e ganas de competir, o traballo diario faise moito máis doado.
Cando fala cos xogadores, ¿en que insiste máis para afrontar con confianza o que queda de liga?
O primeiro que lles digo é que temos un moi bo cadro de xogadores. Insístolles moito en que sexan eles mesmos, que xoguen sen complexos e que compitan ao nivel que saben competir. A partir de aí, se facemos as cousas ben e confiamos no que temos, os resultados acabarán chegando.
Vostede é da Pontenova. ¿Que supón para vostede, a nivel persoal, dirixir ao Ribadeo FC neste momento tan especial?
Ao final, esteas nun club ou noutro, o importante é desfrutar do día a día. Evidentemente o Ribadeo é un club máis grande, cunha estrutura distinta, e iso nótase, pero no fondo as cousas son as mesmas: adestrar, preparar os partidos e intentar dar o máximo. Para min é unha oportunidade bonita e estou vivíndoa con naturalidade.
Cando remate a tempada, ¿que lle gustaría ter conseguido, máis alá dos resultados?
Está claro que todos queremos bos resultados, pero para min hai algo máis importante. Gustaríame que os xogadores sexan felices, que desfruten do camiño, porque ao final isto é un xogo. Pode saír cara ou cruz, pero o fundamental é sentirse orgulloso do traballo feito. Se ao final da tempada os xogadores senten que deron todo e que estiveron ben como grupo, para min ese será o mellor resultado, se nos clasificamos ou non xa se verá.