Dani Vega sinala que a campaña da Pancha é un referente claro no conxunto do mapa do Estado
O alcalde, Dani Vega, subliña que a campaña da Pancha é líder no comercio en Galicia e un referente claro no conxunto do mapa español.
O rexedor dixo que “a campaña de Pancha é líder dentro do comercio de Galicia. É unha das campañas máis importantes de todo o conxunto do mapa español e nós desde o Concello estamos moi satisfeitos e imos seguir potenciando unha campaña que ten unha consecuencia directa dentro da estrutura económica local”.
O alcalde contou que “3.400 foron as operacións realizadas coa moeda local cun aforro directo para cada consumidor de máis do 33%. Este é un dato significativo, un dato moi importante e hai que explicalo. Foron máis de 100 establecementos os que se adheriron a esta campaña, estamos a falar de comercio, de hostalería, do sector servizos, que é unha parte económica moi importante dentro da estrutura da vila”.
Dani Vega adiantou que “nos seguiremos a incrementar o orzamento destinado á Pancha. Este ano foron 80.000 euros, nas vindeiras campañas incrementaremos esta partida, porque é unha campaña que ten unha consecuencia directa no comercio, na hostalería e nos servizos. É dicir estamos a reforzar a estrutura económica de Ribadeo”.
E engadiu: “a valoración é moi positiva. Son campañas que teñen unha incidencia moi importante e polo tanto ata o 31 de decembro aínda se pode facer uso da Pancha. Quedan unhas 7.000 pendentes de gastar. O obxectivo era claro e conseguiuse. O lema era Que o noso quede en ti e iso conseguiuse. A Pancha é un éxito no comercio en Galicia, pero xa é un referente claro no conxunto do mapa español”.
A edición deste 2023 tivo un retorno de máis de medio millón de euros para o comercio e a hostalería, segundo os datos que manexa o Concello de Ribadeo. As 200.000 Panchas que se puxeron en circulación o pasado 15 de outubro esgotáronse.