Dani Vega pide unha reunión con José Tomé para tratar necesidades de Ribadeo como as estradas
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, reclama unha reunión co presidente da Deputación de Lugo para abordar diversos asuntos de interese para o municipio ribadense. O Concello xa solicitou este encontro en 5 ocasións, pero asegura que aínda non se atendeu esa petición.
“A resposta sempre é a mesma: axenda ocupada e negar sistematicamente unha xuntanza con Ribadeo. Non nos parece moi responsable, demostra certa actitude de sectarismo, pero nosoutros non vamos ser a administración que provoque un enfado ou un enfrontamento”, explica o rexedor municipal. Quere tratar asuntos que beneficien ao municipio: “Queremos que a Deputación siga investindo e queremos deixar claro que non era unha cuestión de partidos, senón que era unha cuestión de fe e de traballo constante por Ribadeo, unha demostración de querer investir en Ribadeo, non porque gobernaban algúns, senón porque o interese era o pobo”.
Vega asegura que seguen unha liña correcta, “que é apertura de portas, colaboración con todas as administracións, pero hai que entender que o Concello solicita reunións coas distintas administracións e hai que responder e atender esa solicitude”. En canto aos asuntos que quere abordar co presidente do organismo provincial, encóntranse “certas inversións de interese para Ribadeo, como o mantemento da rede de estradas de titularidade provincial. Todos observamos que hai un abandono constante, unha falla de inversión e de mantemento de limpeza deses vieiros. Hai que ver a diferenza entre as estradas do Concello e as da Deputación”.
Pasarela en Vilela
Tamén pide a construción dunha pasarela na estrada de Vilela. “Temos un problema que debemos solucionar entre todos, deben convivir perfectamente os peregrinos co tráfico rodado e o que non pode acontecer é que haxa un medo constante por parte dos condutores a atropelar un peregrino e o que non pode acontecer é que os peregrinos teñan ese medo e identifiquen como zona de alto risco ese tramo”.
Polo tanto solicitan a colaboración para levar un proxecto para construír unha pasarela, como tamén piden que se converta a vella estrada de Santa Cruz nun miradoiro atractivo e ben coidado. Deste xeito, tamén solicitan máis colaboración con todas as entidades culturais e deportivas. “Creo que o Concello está facendo un esforzo moi importante colaborando con todas estas asociacións, que son un exemplo de boa xestión, de traballo e de amor e entrega por Ribadeo. Tanto os colectivos culturais como os que organiza as festas polas parroquias e na vila tamén e as entidades deportivas todas son un exemplo e nestes momentos están recibindo colaboración por parte do Concello e tamén por parte da Xunta de Galicia”.