Culmina a campaña do comercio en San Marcos cunha gran gala con premios para toda a provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a Gala do Comercio que pon fin á Campaña Mellor Comercio da túa vila, unha iniciativa financiada practicamente na súa totalidade pola institución provincial cunha achega de 50.
15 Dec 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a Gala do Comercio que pon fin á Campaña Mellor Comercio da túa vila, unha iniciativa financiada practicamente na súa totalidade pola institución provincial cunha achega de 50.000€ para promocionar o sector comercial de proximidade nesta recta final, e coa que se vén de mobilizar un volume de vendas de preto de 800.000€.

Numeroso público asistiu á velada, conducida pola xornalista Sara Meijide, e que contou tamén coa presenza do presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e doutros rexedores e rexedoras dos concellos da provincia onde se desenvolveu a campaña. Durante a cita, entregáronse os premios aos 17 negocios máis valorados polos consumidores, por un total de 8.500€, e aos clientes, en bonos de compra que suman 15.000€.

O presidente da Deputación deu os parabéns aos 17 comercios que resultaron elixidos polos consumidores e as persoas que se animaron a consumir e a participar nesta campaña en apoio do comercio local que, un ano máis, impulsa a Deputación de Lugo coa colaboración da Federación de Comercio. Con esta campaña “gañamos todos”, incidiu: “gañan os establecementos premiados; os veciños e veciñas da nosa provincia que compran no comercio de proximidade; e gaña o emprego e a economía local e, polo tanto, do conxunto da provincia de Lugo”.

José Tomé amosou a súa satisfacción polos bos datos que deixa, un ano máis, a iniciativa, pois resultou ser “todo un éxito”, tanto en participación, como en termos económicos. Participaron un milleiro de establecementos da provincia e máis de 25.000 consumidores, e o volume de vendas rondou os 800.000€, o que demostra que, “cando traballamos xuntos –administración e sector comercial-, temos mellores resultados, e que, polo tanto, nos animan a manter no futuro a colaboración da Deputación coa Federación de Comercio”, asegurou.

Neste sentido, o mandatario provincial destacou que o apoio ao tecido produtivo e, en concreto, ao comercio de proximidade, “é fundamental” para a Deputación, polo seu peso económico, xa que representa o 13% do PIB da provincia e mantén 20.000 postos de traballo, pero tamén pola súa “relevancia social de primeiro nivel”, de tal xeito que, apoiar este sector como fai a institución provincial é “unha forma de avanzar cara o equilibrio territorial e loitar contra o despoboamento”. “Mercando no comercio local, estamos apostando polo futuro da nosa provincia”, recalcou José Tomé.

A gala, que estivo amenizada polo dúo Bazán, pon o broche de ouro a un mes cheo de actividades por toda a provincia, co obxectivo de promocionar o comercio local e incentivar as vendas nesta recta final do ano, aproveitando que son datas nas que se concentra un maior consumo e a maioría das persoas realizan as súas compras de Nadal.

“Temos o mellor comercio das vilas”

Pola súa banda, o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, quixo recalcar que con esta iniciativa “reforzouse a implicación dos consumidores lucenses cos negocios locais”. Lembrou que “nesta gala entregamos premios aos 17 establecementos de Lugo que foron os máis votados e elixidos polos consumidores como o Mellor Comercio das súas respectivas vilas”.

“É un orgullo ser recoñecido como mellor comercio dunha localidade, e máis cando son os clientes os que te elixen. Porque son eles os que están poñendo en valor o voso bo facer e eses grandes valores que ten o comercio local: a proximidade, o coñecemento dos seus clientes, o asesoramento, a calidade do servizo, a especialización, o comercio amigo no que un se atopa cómodo e que ademais xera vida, emprego e riqueza nas vilas”.

Con esta campaña, destacou o presidente da Federación, “quixemos demostrar que “temos o Mellor Comercio das Vilas e así quixemos mostralo con este concurso e con estes recoñecementos que hoxe imos entregar da man da Deputación de Lugo, sempre sensibles co noso sector e coa necesidade de dinamizalo, apoialo e por suposto, de premialo”, concluíu.

Recoñecemento aos 17 mellores comercios da provincia

Os 17 comercios máis valorados pola clientela que recibiron na gala deste xoves premios de 500€ cada un e un diploma, son os seguintes: Isabella (Burela), Don Bolso (Chantada), Nadira Aliayde (Quiroga), Chuvia (Foz), Parafarmacia-Mercería Conde Santo (Lourenzá), Confecciones García (Lugo), Dr. Zapato (Viveiro), Rocío R. Calzados e Complementos (Meira), Librería Entre Libros (Monforte de Lemos), Desexos (Muimenta), Librería Soños (A Pastoriza), Da Ponte (A Pontenova), Carnicería Xulfe (Rábade), O Ferrado Marelo (Ribadeo), Panadería Pallares (Sarria), Nuria Fente (Taboada) e Casabedra Moda (Vilalba).

Ademais, no marco da campaña Mellor Comercio da túa vila a velada serviu tamén para facer entrega dos 20 vales de compras de 300€ e 40 de 150€ aos 60 consumidores que resultaron premiados no sorteo celebrado o pasado 11 de decembro no Pazo de Sana Marcos, no que participaron preto de 17.000 persoas, xerando un gasto total de medio millón de euros no comercio minorista da provincia de Lugo.

A campaña da Deputación de Lugo e a Federación Galega do Comercio promoveu ademais con grande éxito a iniciativa Merca na Rúa na capital lucense, que sorteou un único premio de 3.000€ e obtivo un retorno económico na cidade de 250.000€, a través dun total de 8.000 operacións comerciais rexistradas. A campaña desenvolveu diversas actividades de dinamización entre os días 1 e 12 de decembro para fomentar as vendas do comercio local na cidade de Lugo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16622114181519