Cuarenta negocios de Ribadeo colaboran coa recollida anual de donativos da Asociación Española Contra o Cancro

Preto de corenta negocios asociados a Acisa Ribadeo colaboran durante estes días coa recollida anual de donativos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o vindeiro 19 de outubro.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Jesús Pérez, explicou que “un ano máis, Acisa Ribadeo colabora coa Asociación Española de Loita Contra o Cancro nesta importante iniciativa solidaria. Durante esta semana de outubro, preto de corenta negocios asociados contan con huchas para a recollida de donativos destinados a este colectivo. Esta campaña desenvólvese coincidindo coa celebración do Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, unha xornada na que se pon de manifesto a importancia da investigación, da ciencia, da prevención, da detección precoz e da atención ás persoas afectadas por esta enfermidade”.
Pérez indicou que “son necesarios recursos para seguir investigando, avanzando na prevención e mellorando os tratamentos, pero tamén para acompañar e apoiar ás mulleres que padecen esta enfermidade e ás súas familias. Por iso, desde Acisa facemos un chamamento moi especial a toda a cidadanía para que colabore na medida das súas posibilidades. Calquera achega, por pequena que sexa, é importante e contribúe a unha causa que nos afecta a todos”.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, lembrou que “esta é unha campaña que repetimos cada ano e que sempre conta cunha resposta moi positiva tanto por parte dos nosos asociados como da cidadanía. Xeralmente finalizamos esta iniciativa moi satisfeitos coa recadación conseguida e gustaríanos que este ano puidésemos superarnos. O comercio e a hostalería de Ribadeo demostran unha vez máis que, ademais de xerar actividade económica e emprego, tamén están comprometidos coas causas sociais e solidarias”.
Cruzado Iglesias engadiu que “as persoas que desexen colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro poden deixar os seus donativos nos seguintes establecementos: Agora, Mercería Torviso, Galipizza, Mar de Rinlo, Asador La Quinta, O Cabazo, Galán, Opticalia, Sanjurjo, Calzados La Moda, La Moda Básico, Restaurante Javier Montero, Siñeiro, La Coqueta, El Indiano, Ohana, Sendín, La Florida, Xeito, Fauna, For Friends, Anais, La Solana, Lucía Barro, Quero Colo, Susana Moreira, By Hortensia, A Flote, Atleet Ribadeo, Grisi, Farmacia Álvarez Lebredo, El Huerto, Carnicería San Miguel, Xoguetería Bahía, Casa Mandarina e Naná”.
A presidenta dixo que “desde ACISA queremos agradecer expresamente a colaboración de todos estes establecementos, que se sumaron de maneira desinteresada á campaña, así como á AECC de Ribadeo, que nos permite un ano máis poñer o noso pequeno gran de area nesta importante causa”.
XII Gala Anual
Por outra banda, a presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou que “xa está todo preparado para a celebración da XII Cea Gala Anual de Acisa, que terá lugar este domingo, 18 de outubro, ás 19:30 horas, no Parador de Turismo de Ribadeo”.
Cruzado destacou que “contaremos coa asistencia de máis de 120 persoas, entre as que se atopan os galardoados desta edición e os seus familiares, empresarios e empresarias asociados, veciños e veciñas de Ribadeo que quixeron acompañarnos nesta celebración, así como unha ampla representación institucional e de diferentes colectivos empresariais”.
Entre as autoridades que teñen prevista a súa asistencia figuran a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, o deputado provincial de Medio Rural e Mar, Dani García, o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villarez, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz, entre outras autoridades. Tamén estarán presentes representantes de diferentes asociacións e colectivos do ámbito municipal, provincial e autonómico”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense indicou que “os máis de 120 asistentes poderán degustar un menú especialmente preparado polo Parador de Turismo de Ribadeo para esta ocasión. A velada comezará cun aperitivo de benvida composto por xamón de porco celta cortado ao momento, croquetas de marisco e gambas enfundadas. Xa na mesa, os asistentes poderán gozar dunha selección de embutidos de porco celta e queixos, como primeiro prato servirase un salpicón de peixe en ensalada de tempada, seguido dun sorbete de limón e xenxibre, o prato principal será xamón de porco celta asado ao oloroso, acompañado de pataca revolcona e pementos do piquillo. Para a sobremesa ofrecerase torta de Santiago con xeado glaseado e chocolate quente, seguida de café. O menú estará acompañado dunha selección de bebidas que incluirá augas minerais, refrescos, cervexas, viños brancos Treixadura Viña do Campo e Finca Pazo Carballo, da D.O.Ribeiro, viño tinto Mencía Viña do Campo, así como licores e augardentes”.
Finalmente Carmen Cruzado quixo trasladar un agradecemento especial “a todas as empresas colaboradoras e patrocinadoras que fan posible a celebración desta XII Cea Gala Anual. O seu apoio resulta fundamental para poder organizar unha cita destas características e para que Acisa continúe desenvolvendo iniciativas que contribúan á promoción, dinamización e posta en valor do noso tecido empresarial”.
E engadiu: “agardamos que sexa unha noite inesquecible, á altura do momento histórico que está a vivir a nosa asociación. O Premio Nacional de Comercio Interior é un recoñecemento colectivo e por iso queremos celebralo con todos aqueles que forman parte da historia, do presente e do futuro de Acisa Ribadeo”.
A XII Gala de Acisa Ribadeo estará apadriñada polo xornalista e escritor Pepe Ribagorda.