Cruz Vermella reúne en Burela a empresas e profesionais da construción nunha xornada sectorial

Burela acolleu a primeira Xornada do Sector da Construción organizada por Cruz Vermella, unha iniciativa promovida a través do seu Plan de Emprego e do proxecto Reto Social Empresarial co propósito de crear un espazo de encontro entre empresas, profesionais e entidades vinculadas a unha actividade considerada estratéxica para a comarca da Mariña.
A cita reuniu a representantes de diferentes empresas relacionadas co ámbito da construción, que tiveron ocasión de compartir preocupacións, experiencias e necesidades nun contexto marcado pola dificultade para atopar persoal cualificado e polos cambios que está a experimentar o mercado laboral.
A programación arrancou coa recepción das persoas asistentes e cun acto de apertura institucional. Posteriormente desenvolveuse a relatorio titulada “Contratación Internacional: o que a túa empresa debe saber”, impartida por María Luisa Núñez, avogada de Estranxeiría de Cruz Vermella Lugo.
Durante a súa intervención abordou diferentes cuestións legais e prácticas relacionadas coa contratación de persoas estranxeiras, ofrecendo información sobre procedementos administrativos, requisitos e posibilidades existentes para as empresas interesadas en incorporar traballadores procedentes doutros países.
Ao longo da xornada tamén se presentou o traballo que Cruz Vermella desenvolve no marco do seu Plan de Emprego, orientado a mellorar a inserción laboral e a fortalecer a colaboración co tecido empresarial.
Ademais das ponencias, a actividade incluíu un espazo de análise e diálogo no que empresas e profesionais puideron intercambiar impresións sobre a situación actual do sector, as dificultades de contratación e as perspectivas de futuro.
Desde Cruz Vermella destacaron a importancia de impulsar este tipo de encontros para coñecer de primeira man as demandas das empresas e favorecer a creación de alianzas que permitan avanzar cara a un mercado laboral máis dinámico e adaptado á realidade do territorio.
A entidade subliñou tamén a necesidade de continuar desenvolvendo iniciativas que faciliten a conexión entre empresas e persoas demandantes de emprego, especialmente en sectores con necesidades específicas de man de obra como o da construción.
A valoración final da xornada foi positiva tanto por parte das empresas participantes como da organización, que xa contempla a posibilidade de impulsar novas accións de colaboración e espazos de encontro vinculados ao ámbito laboral e empresarial.