Cronoescalada Monte Castelo 2025: Viveiro prepárase para unha ascensión de récord

AMariñaXa
A cita celebrarase o 21 de decembro en Galdo e combinará contrarreloxio individual, ciclismo, trail e andaina cun desnivel acumulado de 500 metros
Viveiro-cronoescalda-monte-castelo-decembro-2025
26 Nov 2025

A tradicional Cronoescalada Monte Castelo 2025 xa ten data e punto de encontro: será o domingo 21 de decembro na contorna da igrexa parroquial de Galdo, en Viveiro, onde arrincará unha das probas máis esixentes e singulares do calendario deportivo local. A organización corre a cargo da Peña Ciclista Gráficas Lar e do Concello de Viveiro, que convidan a deportistas e afeccionados a desfrutar dun percorrido tan duro como espectacular.

A competición desenvolverase polos sendeiros e pistas do Monte Castelo, con trazados diferenciados para corredores e ciclistas, minimizando así a coincidencia entre participantes e garantindo unha maior seguridade. A estrutura da proba mantén o seu formato clásico: unha contrarreloxo individual para bicicletas e outra para trail running, ademais da popular andaina, pensada para quen desexe gozar da montaña a outro ritmo.

No apartado técnico, as distancias volven poñer o listón ben alto. Os participantes en BTT afrontarán un percorrido de 6,5 quilómetros, cun desnivel positivo de 500 metros e unha pendente media do 8 %. Para quen prefira correr, o tramo de trail será máis curto pero notablemente máis vertical: 3 quilómetros e tamén 500 metros de desnivel, cunha pendente media do 20 %, que converte esta parte da proba nun auténtico desafío físico. A andaina, pola súa banda, terá arredor de 10 quilómetros de lonxitude e o mesmo desnivel acumulado. Os tracks estarán dispoñibles na plataforma de inscrición e nas redes sociais da organización.

A xornada comezará ás 10:00 horas, coa saída diante da igrexa de Galdo, mentres que a meta estará situada no alto de Monte Castelo, xunto á capela. A recollida de dorsais poderase efectuar na propia igrexa tanto o día anterior como o mesmo día da proba, ata quince minutos antes do inicio. As persoas participantes contarán con servizo de duchas no colexio de Galdo, e a entrega de premios tamén terá lugar na igrexa.

As modalidades convocadas son trail running, ciclismo e andaina, e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados absolutos de cada categoría, así como para a mellor e o mellor deportista do Concello de Viveiro.

Dende a organización destacan que se trata dunha cita “ideal para poñerse a proba antes de rematar o ano e para compartir deporte e natureza nun marco incomparable”. As inscricións xa están abertas e agárdase unha alta participación nun evento que combina esforzo, paisaje e tradición deportiva en pleno corazón da Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.12645602226257