Coral Rey Oliveros: “O Entroido de Foz é único, non hai outro igual”

Foz
AMariñaXa
A emoción está no aire, os últimos detalles están a punto e todo Foz agarda con ilusión unha nova edición do seu Entroido
coral-rey-oliveros-e-as-suas-damas-entroido-Foz-2025
14 Feb 2025

Por Ana Somoza

Ser a Raíña do Entroido de Foz non é só unha honra, senón un soño cumprido para Coral Rey Oliveros, quen se prepara con entusiasmo e dedicación para un dos eventos máis esperados do ano. “Síntome moi privilexiada de ter a sorte de poder cumprir este soño que, persoalmente, teño presente dende que teño conciencia”, afirma con emoción.

A súa elección como Raíña supón unha gran responsabilidade, pero tamén unha inmensa ilusión. “Cada día que pasa estou máis emocionada por que chegue o momento”, asegura. Os preparativos comezaron en canto se fixo oficial a súa elección e desde entón a organización está sendo intensa. “Hai moitas cousas que teñen que estar a punto para estas datas e hai que estar pendente de todas: traxes, disfraces, coplas… Eu vin como persoas da miña familia se prepararon para isto e sabía que levaba moito traballo pero, agora que o estou vivindo en primeira persoa, o traballo é maior do que imaxinaba. Aínda así, faise con moito gusto e ilusión”, explica.

Non estará soa neste camiño. As súas damas de honra, amigas de toda a vida e fieis apaixonadas do Entroido, serán as súas principais compañeiras nesta aventura. “Penso que non hai mellor compañía, ademais formamos un gran equipo de traballo, entendémonos moi ben”, comenta Coral. Pero ademais delas, outras persoas están a desempeñar un papel fundamental neste proceso, como as súas familias, a modista e todas as persoas que colaboran para que todo saia á perfección.

O SEGREDO MELLOR GARDADO.

Un dos aspectos máis esperados do Entroido de Foz é, sen dúbida, o disfrace da Raíña. A curiosidade é máxima, pero Coral prefire manter a sorpresa ata o último momento. “A verdade é que non son moi boa dando pistas, así que prefiro non dicir nada. Ademais, creo que con calquera cousa que diga é moi fácil adiviñar, así que mellor vernos ese día”, di entre risas.

O que si se sabe é que recibirá a coroa da man de Carlota Fernández del Riego, a Raíña do ano pasado, quen lle deu un consello moi claro: “Desfruta moito porque pasa voando”. Unha recomendación que todas as persoas que teñen vivido esta experiencia lle transmitiron.

O QUE O FAI ESPECIAL.

Para Coral, o que fai único o Entroido de Foz é “a unión do pobo por e para isto”. A súa paixón pola festa é palpable en cada resposta: “Nesas datas todos nos convertemos en familia e o ambiente que se crea é único. Compartimos o amor profundo polo Entroido e poucas veces vin a un pobo tan entregado”.

Non é estraño, polo tanto, que garde recordos inesquecibles desta celebración. Leva desfilando desde hai 19 anos, polo que as anécdotas son moitas. Pero hai unha en particular que destaca sobre as demais: “Cando miña irmá foi Raíña no 2015, fai xusto 10 anos. Ese ano foi moi especial”. Agora, unha década despois, chega a súa quenda para brillar.

As expectativas para este Entroido son altas, pero Coral está segura de que se cumpriran. “Espérase, por suposto, que siga continuando esta festa tan valiosa que temos un ano máis. Que todos desfrutemos como sabemos deses días. As expectativas para o Entroido sempre son moi altas pero sempre se cumpren grazas ao traballo de todos”, asegura con convencemento.

O MELLOR ENTROIDO.

Foz presume de ter un dos mellores Entroidos de Galicia e a súa Raíña ten moi claro por que. “O Entroido de Foz é o mellor porque o sentimento que temos a xente de aquí por el non se pode encontrar en ningún outro lado, é único”, afirma con rotundidade. “É unha marabilla ter algo tan bonito e co que a xente se entregue tanto en conxunto, especialmente tendo en conta os tempos que corren, onde ás veces non é tan fácil encontrar algo así”.

A Coral só lle queda esperar a chegada do gran día. A emoción está no aire, os últimos detalles están a punto e todo Foz agarda con ilusión unha nova edición do seu Entroido. Como cada ano, a maxia e a tradición volverán a encher as rúas da vila, reafirmando que o Entroido de Foz non é só unha festa, senón un auténtico sentimento compartido.

⚙ Configurar cookies
0.13261890411377