Convocado un ano máis o certame de amor na rede de Cervo

AMariñaXa
O Concello de Cervo convoca un ano máis con motivo do Día dos Namorados o tradicional certame de amor na rede que xa vai pola IX edición.
CERTAME SAN VALENTÍN 2023 cervo
CERTAME SAN VALENTÍN 2023 cervo
2 feb 2023

O Concello de Cervo, a través das delegacións de Educación e Xuventude, convoca un ano máis con motivo do Día dos Namorados o tradicional certame de amor na rede que xa vai pola IX edición.

Tal e como avanzaron as edís responsables, Dolores García Caramés e Denise Galán, nesta ocasión os traballos deberán compoñerse en torno á idea do Amor Propio ou “autoamor”, “no que será unha homenaxe a un/unha mesmo/a”.

Todos aqueles/as interesados/as poderán presentar o seu traballo en tres formatos diferentes: unha carta que non supere o espazo dun DIN-A4, un vídeo que non supere a duración de un minuto, ou unha foto. Estableceranse dúas categorías en función da idade: unha para maiores e outra para menores de 18 anos.

O prazo de presentación para a entrega dos traballos remata o domingo 12 de febreiro. Poderán enviarse a través do correo electrónico cervocultura@gmail.com ou a través do Whatsapp 683 315 939.

Os orixinais serán publicados o martes 14 de febreiro no Facebook do Concello de Cervo. Aqueles que teñan máis “gústame” nese día serán os/as gañadores/as na súa correspondente franxa de idade e categoría. Ademais, entregarase un premio ao traballo máis orixinal en cada unha das categorías de idade.

Os/as gañadores/as publicaranse o mércores 15 de febreiro nas redes sociais do Concello de Cervo.

Na categoría para menores de 18 anos, o premio consistirá nun vale de 40€, para os mellores traballos en cada un dos formatos, para gastar en calquera establecemento do Concello de Cervo. Na categoría para maiores de 18, a recompensa será un vale, tamén por cada formato que resulte gañador, que se poderá trocar por unha cea para dúas persoas en calquera establecemento hostaleiro do termo municipal.

CERTAME SAN VALENTÍN 2023 cervo