Contratadas as prestacións de asistencia básica, manutención e limpeza nos centros de maiores de Trabada e Ribadeo
O Executivo da Deputación aprobou a contratación das prestacións de asistencia básica, manutención e limpeza nos centros de maiores de Trabada e Ribadeo baixo a dirección pública de Deputación e senllos Concellos como responsables da xestión de servizos sociais nas residencias e centro de día.
Presentáronse 4 ofertas. A que obtivo máis puntuación foi a de Mensajeros de la Paz debido ás melloras presentadas e á redución no custo, pois a adxudicación a este colectivo exime á Deputación do pago do 4% do IVE, aforrando case 160.000 euros.
O investimento para estas prestacións no centro de maiores de Trabada é de 1.867.903 euros en 4 anos: 423.855 euros en 2019, 576.502 en 2020, 588.684 en 2021 e 278.861 en 2022. Na residencia de Ribadeo, con máis capacidade, o investimento é de 2.114.266 euros: 479.769 en 2019, 653.133 en 2020, 665.681 en 2021 e 315.681 en 2022.
Sobre as melloras ofertadas nestas prestacións, destacan que os maiores contarán con 78 horas mensuais de actividades. Por exemplo, programas de animación sociocultural, de integración social a través das TICs, interxeneracionais cos colexios da zona, de participación cidadá ou convivencia. Os usuarios contarán con atención especializada en áreas fundamentais como nutrición, respiración, hidratación, hixiene persoal, mobilidade ou trasladados, entre outras moitas; ademais de gozar doutros servizos complementarios e gratuítos como sesións mensuais de peluquería, barbería ou podoloxía.
Todos os menús estarán adaptados ás necesidades específicas de cada maior, supervisados polo persoal sanitario e elaborados por nutricionistas. Por exemplo, comidas específicas para maiores con diabetes, intolerantes ao gluten ou á lactosa, baixas en sal, para persoas con dificultades para a mastigación... Tamén haberá pratos especiais e fóra dos horarios habituais en citas especiais como aniversarios, celebracións ou visitas de familiares, que poderán comer cos seus maiores.
Os pratos elaboraranse con produtos de tempada, con certificación de denominación de orixe, procedentes de agricultura e gandaría sostible, e, unha cuestión moi importante para a dinamización económica da zona, mercados en establecementos da provincia. Nestes casos, especialmente en Concellos da Mariña como Trabada, Riotorto, Lourenzá, Foz, Ribadeo ou A Pontenova, especificados xa na oferta de Mensajeros de la Paz. Sobre a prestación de limpeza subliñar que, evidentemente, esta será continúa, empregaranse produtos non nocivos para o medio ambiente e farase reciclaxe, separando residuos orgánicos, envases de plástico, aceites usados... A prestación de lavandería tamén será continua, con produtos biodegradables e, entre outras cousas, inclúe os traballos de xastrería que sexan necesarios.