Continúan as obras de mellora do sistema de abastecemento de auga potable en Barreiros

AMariñaXa
O investimento supera os 360.000 euros e execútase mediante un convenio coa área de Rural da Deputación
BARREIROS obras abastecemento
4 Feb 2026

O Concello de Barreiros continúa coa segunda fase das obras destinadas a modernizar e mellorar o sistema de abastecemento de auga potable no municipio. Os traballos, cun orzamento superior aos 360.000 euros, desenvólvense ao abeiro dun convenio coa área de Rural da Deputación de Lugo.

A alcaldesa, Ana Ermida, visitou a execución das actuacións acompañada pola concelleira delegada de Saúde Pública, Montse Porteiro, e polo deputado de Rural e concelleiro barreirense, Dani García.

Entre as actuacións incluídas figuran a substitución de tramos de tubaxe secundaria obsoleta na zona de San Cosme e Celeiro, despois de realizarse xa intervencións similares en Reinante e Benquerencia. Tamén se completou a impermeabilización do depósito de Merille, que levaba anos sen poder utilizarse a pleno rendemento debido ás filtracións, permitindo agora o seu uso total.

Outro dos traballos xa rematados foi a renovación das bombas de impulsión na Folgueirosa, unha mellora que permitirá incrementar o caudal cara á zona norte do concello durante os períodos de maior demanda. Ademais, elaborouse un estudo técnico e un proxecto para analizar a viabilidade dunha conexión directa de transporte de auga entre San Caetano e A Folgueirosa.

Durante a visita, Ana Ermida destacou a relevancia destas actuacións, subliñando que, aínda que non son obras visibles unha vez finalizadas, resultan esenciais para garantir servizos públicos de calidade e para corrixir carencias históricas no abastecemento de auga do municipio. A alcaldesa lembrou que o actual goberno local atopou unha situación de partida complexa, con infraestruturas insuficientes para a demanda existente, o que fixo necesario actuar con planificación e criterios técnicos, priorizando necesidades reais aínda que non sexan tan perceptibles para a veciñanza.

Un dos puntos nos que fixo especial fincapé a alcaldesa foi a renovación das arquetas de acometida dos sete bloques das antigas vivendas sociais. Estas infraestruturas, realizadas no seu día con materiais de ferro, estaban a incidir negativamente na calidade da auga que chega aos fogares. A súa substitución por arquetas modernas e materiais actuais permitirá adaptar as instalacións ás necesidades presentes e mellorar de forma notable o subministro.

Ana Ermida ratificou así o compromiso do goberno municipal coa mellora e mantemento das obras públicas, lembrando que, agás actuacións puntuais como o repintado e saneamento das fachadas realizadas pola Xunta hai máis de 15 anos, non se rexistraran investimentos públicos directos nestes inmobles ata o actual proxecto.

⚙ Configurar cookies
0.07859206199646