Confirman as datas da VI Carreira Ao Son do Masma, en Barreiros
Un ano máis, o Colectivo Cultural Ollomao anuncia a VI Carreira Ao Son do Masma, a última do Circuíto +Kms Barreiros despois do inigualable VIII Trail Monte Comado. Así, rematan este ciclo cunha carreira máis tranquila nunha contorna relaxada como é río Masma ao seu paso por Celeiro de Mariñaos. Os interesados xa poden facer as súas inscricións a través da web. A proba será o vindeiro 10 de novembro e a marcha comezará ás 10.30 e despois, en función das categorías, darán comezo as carreiras. A absoluta será ás 12.00 horas e a dos cativos terá lugar antes, ás 11.00.
Contan coas categorías pitufos (2019 e posteriores), Sub 8 (2017-2018), Sub 10 (2015-2016), Sub 12 (2013-2014), Sub 14 (2011-2012), Sub 16 (2009-2010) e Absoluta (2008 e anteriores). As inscricións en todas as categorías son de balde, agás na absoluta que ten un prezo de 7 euros para os que se anoten antes do 4 de novembro e de 9 para os que esperen ata o día 7. No caso de querer participar na camiñata, haberá que aboar 3 euros. A recollida de dorsais realizarase nas Escolas de Celeiro de Mariñaos dende as 10.00 horas ata media hora antes da saída da carreira absoluta.