Concentraranse en Trabada pola falta de médicos no centro de saúde

AMariñaXa
Denuncian que Trabada leva case un ano cun solo médico, xa que a xubilación no ano 2023 dun dos facultativos non foi substituída
CENTRO-SAÚDE-TRABADA
8 Sep 2024

A Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello de Trabada convocan unha concentración o próximo domingo 15 de setembro en demanda duns servizos sanitarios dignos coas dúas prazas de medicina de familia cubertas todos os días e durante a quenda completa. A concentración terá lugar ás 12 horas diante do Centro de Saúde da localidade.

Denuncian que Trabada leva case un ano cun solo médico, xa que a xubilación no ano 2023 dun dos facultativos non foi substituída en ningún momento por parte do Sergas, co que durante todo este tempo un só médico dos dous que constitúen a súa plantilla tivo que asumir a totalidade da carga de traballo do centro de saúde. Trabada é un concello moi extenso, cunha poboación moi avellentada , moi disperso e cunha distancia entre núcleos poboacionais bastante grande.

Por estes motivos, a súa poboación, con gran porcentaxe de maiores de 65 anos , é altamente demandante de atención médica e de coidados de enfermería, con moitos casos de atención domiciliaria nos que hai que invertir moito tempo. É por iso que malia que a poboación é de 1100 habitantes, faise absolutamente imprescindible contar cos dous facultativos todos os días e a tempo completo.

Trabada conta tamén cunha residencia de maiores atendida polo persoal do Centro de Saúde. Trabada conta tamén cunha residencia de maiores de 39 prazas da que se debe ocupar o persoal médico e de enfermería do centro de saúde , polo que a carga de traballo aumenta significativamente e non pode en ningún momento quedar o centro de saúde sen o seu persoal sen substituír, sendo imprescindibles os dous médicos e a enfermeira todos os días e durante toda a quenda.

En agosto substituíuse parcialmente ao único médico que hai. A ausencia do único médico que hai actualmente durante o mes de agosto produciu numerosas situación deficitarias, xa que foi substituído unicamente durante dous días á semana e durante unhas horas cada día. Nalgunha ocasión durante este mes, á ausencia total de médicos que xa se viña dando varios días á semana, sumouse a ausencia da enfermeira, quedando o centro sen persoal sanitario e obrigando a unha enfermeira do centro de saúde de Ribadeo a desprazarse ata Trabada para paliar a situación.

Desde a Plataforma Sanitaria e o Concello entenden que a situación que está a atravesar o centro de saúde de Trabada é moi grave e os únicos responsables son o SERGAS e o goberno da Xunta, que están a destruír a atención primaria na comarca de xeito flagrante. Por este motivo , animamos a todas as veciñas e veciños de Trabada, así como ao resto de mariñás e mariñaos a que acudan o domingo 15 de setembro a Trabada para defender a sanidade pública, pois está sendo totalmente desmantelada polas políticas de privatización e centralización da atención sanitaria que deixan ás poboacións máis rurais sen os servizos básicos necesarios para ter unha atención sanitaria digna, próxima, de calidade e impedindo tamén que se fixe poboación.

0.16507482528687