Concello de Mondoñedo e Xunta colaboran para modernizar o matadoiro
A Consellería do Medio Rural e o Concello de Mondoñedo exploran vías de colaboración para modernizar as actuais instalacións do matadoiro municipal mindoniense, a fin de solucionar as necesidades advertidas nas instalacións e poder mellorar así a prestación dos servizos ofrecidos ao sector agrogandeiro e ás industrias cárnicas da comarca.
A mellora das infraestruturas e, sobre todo, do vello equipamento do que dispón na actualidade o matadoiro de Mondoñedo centrou a reunión celebrada na sede luguesa da Xunta de Galicia entre a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o rexedor mindoniense, Manuel Ángel Otero, quen aproveitou este encontro para salientar a importancia do matadoiro no desenvolvemento socioeconómico da propia cidade de Mondoñedo e da súa contorna.
A actividade que se desenvolve no matadoiro, que presta servizo a veciños e industriais de Mondoñedo, ademais doutros municipios próximos, tales como Abadín, A Pastoriza, Lourenzá, Riotorto, Alfoz, O Valadouro ou mesmo A Pontenova, xustifica o interese público desta instalación municipal, sinala Otero.
Por iso, o alcalde trasladou á conselleira do Medio Rural a importancia de renovar os actuais equipamentos para optimizar a eficiencia e mellorar a rendibilidade dunhas instalacións que cada ano contabilizan un elevado número de sacrificios de exemplares de gando vacún e, sobre todo, de porcino.
CARÁCTER SINGULAR DA INFRAESTRUTURA
Unha vez coñecidas as necesidades do matadoiro municipal, e consciente da importante prestación de servizos que supón esta infraestrutura para a veciñanza da contorna, a conselleira ofreceu a colaboración da Xunta para garantir a súa continuidade, tendo en conta o seu carácter singular na área central da Mariña luguesa, malia contar cun equipamento obsoleto.
Gómez Rodríguez solicitou neste senso ao Concello de Mondoñedo a presentación dun proxecto detallado de necesidades, a fin de avaliar o seu encaixe nalgunha das liñas de axuda dispoñibles por parte da Administración autonómica.
O apoio ofrecido desde a Consellería do Medio Rural aos concellos para o mantemento da actividade de infraestruturas municipais, tal e como poden ser os matadoiros, explica Gómez Rodríguez, responde á clara pretensión da Xunta de Galicia de contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza dos territorios rurais, a través da prestación de servizos e da implantación de medidas que favorezan o seu desenvolvemento económico.