Concelleiros do PP de Barreiros reclaman a reapertura dos refuxios de Gondán e San Xusto

AMariñaXa
O voceiro popular subliña a necesidade de devolver estes espazos de acollida aos peregrinos e mellorar a imaxe do municipio
Barreiros-refuxio-Gondan-e-antiga-escola-San-Xusto
27 Mar 2026

Os concelleiros do Partido Popular en Barreiros presentarán no próximo pleno municipal un rogo para que se acometa a reapertura dos refuxios situados en Gondán e na antiga escola de San Xusto, instalacións que durante anos foron moi utilizadas por veciños e peregrinos. Segundo explicou o voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, ambos refuxios permanecen pechados desde 2019, xerando malestar entre os usuarios do Camiño, que botan en falta espazos que lles permitían descansar tras longas etapas procedentes de Ribadeo.

Gómez Puente subliñou a función esencial destes puntos de acollida, que contribuían tamén á boa imaxe do municipio como lugar de paso e hospitalidade. “É imprescindible que o goberno local adopte medidas para recuperar e poñer en valor estes espazos”, afirmou, facendo fincapé no estado de abandono do refuxio de Gondán, con sinais visibles de suciedade e falta de mantemento.

Dende o PP de Barreiros solicitarán que no pleno se aproben actuacións de limpeza, acondicionamento e reapertura, devolvéndolle aos refuxios a súa utilidade histórica e reforzando a atención aos peregrinos que percorren o municipio. A iniciativa pretende garantir que estes espazos recuperen a súa función social e turística, mellorando a experiencia dos visitantes e a percepción xeral da vila.

0.13237810134888