Comezou a XV Feira de Antigüidades da Pontenova, que se celebra ata o martes

AMariñaXa
O Concello da Pontenova volverá acoller unha nova edición da súa Feira de Artesanía e Antigüidades de primeiros de decembro
XV Feira de Antigüidades da Pontenova 2022
XV Feira de Antigüidades da Pontenova 2022
4 dic 2022

A praza dos Fornos da Pontenova acolleu onte o comezo dunha nova edición da súa Feira de Artesanía e Antigüidades que será ata o martes 6 de decembro e que este ano chega a décimo quinta edición. Así como da VI Xuntanza de motos e coches clásicos.

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu á inauguración, xunto ao alcalde da localidade, Darío Campos, e ao tenente de alcalde, Francisco Martínez. Un evento que organiza o Concello na Praza dos Fornos ata o martes coa presenza duns 60 expositores.

García Pernas recoñeceu o gran labor feito polo Concello con este evento e a súa traxectoria, “o que é un bo síntoma tamén de que a artesanía e as antigüidades interesan e teñen futuro”. Nas súas palabras deixou patente que esta é unha iniciativa “moi importante para dar a coñecer e poñer en valor o traballo que hoxe están a facer os artesáns e anticuarios de Galicia e doutras partes de España. Unha proba máis de que a Galicia rural está chea de talento e de ideas, que só precisan o respaldo de políticas públicas intelixentes para multiplicar o seu impacto socioeconómico no rural".

“Dende a Deputación mantemos unha liña de apoio ós nosos artesáns, porque manteñen vivos os nosos sinais de identidade, os oficios que forman parte das nosas raíces e da nosa cultura, e porque forman parte importante do tecido produtivo. Xunto co turismo sostible, o coidado do medio ambiente ou a modernización do sector primario, a actividade artesán permite artellar políticas transversais de desenvolvemento do rural”, asegurou.

O Deputado incidiu en que “temos que seguir reclamando servizos e infraestruturas de calidade para o rural, porque os artesáns e anticuarios precisan, por exemplo, de boa cobertura de internet para poder levar a mercados máis amplos os seus produtos; boas estradas para facilitar o transporte dos mesmos; e servizos públicos para que eles e as súas familias poidan desenvolver o seu proxecto vital e económico no noso rural”.

60 expositores

Neste evento danse cita trinta anticuarios e outros tantos artesáns, acadando os 60 expositores que veñen de toda España, Francia e Portugal. Haberá demostracións en directo de oficios e tamén exhibicións do traballo na forxa do ferro, cestaría de vimbio, lámpadas de cabaza, fiado de fibras naturais ou tornos de madeira, entre moitas outras actividades.

O evento contará tamén coa presenza de artesáns que realizarán talleres en vivo sobre torno de madeira, a cestaría en vimbio, a forxa de ferro, a pintura decorativa, o coiro e sobre ecolámpadas de cabaza, malia depende das medidas sanitarias. Esta cita será de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas

Os días 3 e 4 será a quenda da VI Xuntanza de vespas, motos e coches clásicos. Así, o sábado poderase desfrutar das vespas e motos e o domingo dos coches clásicos. Haberá trofeos para o vehículo máis antigo, o mellor conservado, o máis lonxano e o máis veterán.

Por outra banda contarán cunha mostra da man de Traxandaina Traxe Tradicional, coa recompilación de traxes tradicionais da Provincia de Lugo procedentes do século XIX e principios do XX, pezas rescatadas das huchas das fillas, netas e mesmo bisnetas daquelas mulleres que gardaban as súas mellores roupas para lucir nos días de feira, na misa dos domingos, ou mesmo para casar.